Noutros tempos non afastados, esas dúas palabras formaban un binomio explícito e inseparable. As familias estaban formadas por esposo e esposa (por esa orde) e os fillos, si os había. Certo é que pola metade do século pasado había familias sen fillos, as poucas, e as descendencias inferiores a catro non tiñan a consideración -e os beneficios económicos- de «familia numerosa». Que as había de primeira e de segunda categoría, incluso as gañadoras do «premio nacional de natalidad», que saían no NO-DO (ver Cuéntame), tipicamente unha nai delgada, coa última (derradeira?) criatura no colo, e o pai de familia coa extenuación do pluriemprego na faciana, rodeados de entre unha e dúas ducias de descendentes, recollendo a distinción de mans do mesmo Franco. De aí o «baby boom», restaurador das miles de mortes da guerra, a represión e a fame dos corenta. Mais o paso das décadas e a melloría económica viron a diminución do número de fillos ata chegar, sen saber como, a ser país líder na lista da infertilidade mundial, cunha demografía en números vermellos. Por iso aprecio e interésanme as familias con fillos. As usuais, de home e muller, e tamén as novas formas de parellas, ben do mesmo sexo, ben as uniparentais, habitualmente unha muller que elixe ser nai soa. Que un ou dous seres humanos decidan asumir a experiencia de dar ou adoptar vida, de ter fillos, con todo o reto e a responsabilidade que leva, paréceme un acto de valentía a agradecer. Que ten tanto de xenerosidade, coma de egoísmo san, pois os fillos demandan atención e recursos, pero tamén regalan experiencias imposibles de coñecer sen eles, sen elas. Merecen ser apoiadas con axudas dignas e solidarias. Xa.