Na illa

Xan R. Silvar

FERROL

07 jul 2017 . Actualizado a las 00:04 h.

Procuro cumprir a cita anual de visitar As Sisargas. As illas Sisargas. Aí, pegadas e afastadas ao tempo do cabo San Adrián, coma crías que se van da nai terra, con medo de perdela. A media hora de navegación no pequeno bote, entre salpicaduras e ruído do motor, invita á introspección, deixando pasar a vista vagarosa das ondas á silueta de mascatos e gaivotas, facendo a súa propia ruta. Poñer os pés no pequeno e único peirao da Sisarga Grande saca á mente da abstracción, e o balbordo dos milleiros de gaivotas lembra ao viaxeiro o comezo da súa intrusión no reino da pedra, a cativa vexetación, os lagartos e, sobre todo, as aves mariñas. A illas irmáns, A Malante de desafiante perfil, e A Pequena, enganosamente suave, dan un abrazo protector ás augas cando sopra nordés, ou as baten sen piedade nas suradas. A rutina de repetidas visitas ornitolóxicas levan aos ollos a reparar na presenza, ou non, daquela parella de gaivota sombría do ano pasado, minoría entre as dominantes patiamarelas. Ver os poliños da rolada alimenta a ilusión da continuidade da vida; os corpos resecos das inevitables mortes de crías e adultos, lembran a dureza da supervivencia. Os edificios do faro e a serea vella figuran pontes de navío pétreo; a varias decenas de metros máis abaixo cara oeste, busco a furna das tridáctilas. Gaivotas peláxicas, tocan terra so para facer niños como de andoriñas, onde criar un par de fermosuras de patas e ollos negros, a delicadeza feita ave. Hai 43 anos atopamos uns 80 niños, despois de ter chegado a ser 140 parellas na colonia, este ano tan so hai dúas. Son o máis selecto tesouro das Sisargas, xunto coas pardelas cincentas, visitantes da noite. Sisargas, as illas.