Quero ser coma Cádiz... en danza

ROBERTO TABOADA

FERROL

LOURDES DE VICENTE

13 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unhas semanas o Racing de Ferrol perdía a eliminatoria polo ascenso ante o equipo local de Cádiz. Ambas cidades defenderon a súa posición na competición con firmeza, mais a vitoria soamente foi para un. Parece que ese é o sentido da historia que se foi trazando para cada unha das poboacións, con tantas coincidencias e semellanzas, hai moitas cousas que se repiten coma nun espello: pasado de cidade fortificada, que a cidade andaluza soubo incorporar ao seu desenvolvemento urbano; asentamento militar, que Ferrol veu adelgazar nos últimos anos, deixándoo case que no testemuñal e coa resolución da devolución das edificacións pendentes, asunto que Cádiz resolveu, dotando á cidade de novos equipamentos culturais e sociais. Factoría de construción naval, ambas vilas e as súas comarcas teñen unha relación ben estreita coa empresa Estatal con sede en Madrid, coas súas decisións políticas e cos seus vaivéns de carga de traballo. Ferrol tamén está a perder esta eliminatoria.

A fin de semana pasada a urbe andaluza enfrontaba a recta final do seu festival de danza en espazos singulares, Cádiz en Danza, unha actividade promovida polo concello e que vai xa, pola décimo quinta edición, un longo percorrido para calquera actividade cultural, mais aínda, para unha dedicada á danza; esa irmán pequena das artes en vivo. Esta supervivencia, ten uns claros alicerces: a aposta decidida e continua dende a institución, unha dirección artística sólida e madura, unha rede de complicidades con outras estruturas estatais e internacionais e unha programación plural en estilos e procedencias, tendo unha especial sensibilidade coas producións locais.

En oito días o cotiá da cidade muda, incorporando a danza á paisaxe urbana. Doce lugares distintos: teatros, espazos expositivos, prazas, rúas e ata un baluarte, acollen 35 espectáculos de moi variados estilos: contemporáneo, flamenco, español ou urbano; combinados con outras disciplinas: circo, teatro ou audiovisual. A cidade inúndase con 31 compañías procedentes de doce países distintos. Cada xornada o público pode ver entre tres e cinco pezas, algunha delas preséntanse en varios espazos, o que enriquece as posibilidades de gozar de distintos contextos para unha mesma proposta, tal é o caso dos italo-alemáns Lauro e Cuenca, que presentaron un día a súa peza nun espazo convencional e noutra vez no Foller do Gran Teatro Falla, onde a peza creceu e a interpretación foi moito máis fluída e consistente, o espazo é un elemento moi determinante neste tipo de propostas, dunha duración cativa e sen ornamento escenográfico e lumínico. Neste mesmo lugar púidose ver unha superior reinterpretación, humorística, dun dueto de ballet da B. Dance de Taiwan, cunha gran calidade de movemento e un exquisito dominio da técnica. A xaponesa Ruri Mitoh, fixo gala dunha corporalidade e contorsionismo próxima ao prodixio, nun espazo en branco, moi axeitado á proposta. Os parecidos razoables entre as cidades avanzan, Ferrol fará no mes de xullo a primeira edición do festival de danza en espazos urbanos, Vai de Baile, unha iniciativa da concellería de cultura, que complementa así, o seu programa vinculado á danza, coa intención de poñela na axenda da cidadanía. Vai ser unha xornada, o 2 de xullo e a súa véspera, moi intensa: 10 compañías, 11 espectáculos e 7 lugares. Ademais, dúas das pezas vistas en Cádiz tamén se van gozar en Ferrol: Héctor Plaza e Agnes Sales, dende Cataluña e Gabriel Rodríguez, dende Costa Rica. Agardamos que o futuro desta nova proposta municipal se aproxime á traxectoria do festival da cidade espello no sur, continúe e medre de forma xeitosa e exitosa, sumando outra semellanza entre as vilas.