Gato por lebre

Eduardo F. Molinero CAVE CANEM

FERROL

23 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén usamos aquel dito que «non che dean a burra capada». Todos entendemos a necesidade dun pensamento recto no moral e no científico. Unha mentira é cando dicimos cousas que non existen ou por fantasear ou por enganar para obter un gaño. A ciencia é imprescindible. Así en medicina coma na fabricación dunha neveira. Ter razón, cando discutimos, depende da obxectividade, dos feitos reais, de cousas que de verdade existen ou poden existir. Pero ás veces quen ten razón antes de tempo é como se non a tivera. Son adiantados na súa sociedade, e mirámolos de esguello con desconfianza ou odio. Lembremos a aquel pobre da caverna de Platón.

No día 23 e 24 (hoxe, 23) celébrase en Humanidades o congreso sobre Filosofía da ciencia. O profesor Wenceslao González leva traballando nesta empresa dende hai moitos anos. Non deixo de loubar tal constancia en facer ben cousas necesarias. O profesor fala de que o congreso é axeitado para científicos e filósofos.

Daquela poden moitos pensar: «Isto non vai comigo». Ou tamén preguntar: «¿E para qué serve a filosofía da ciencia?». Ou dicir que mellor estaría gastar os cartos en non séi qué urxente. Pero o profesor Wenceslao sabe que nada máis urxente que ter ideas claras no tema da ciencia. Non podemos ir ao bruxo pensando que imos ao médico. Tampouco comprar unha bicicleta con rodas cadradas, pois no sería científica. Tampouco senta ben que nos dean gato por lebre, pois non comemos gatos, penso. E a burra capada non nos vale.