O humor, esa cousa delicada

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Non me explico cómo no medio da guerra os atenienses aguantaban a comedia Lisístrata: Unha folga sexual das mulleres para acabar coa guerra. E vaia se non. O humor, os chistes, teñen un algo de agresión. Depende da intensidade (que pode chegar a crueldade), do momento e de quen conta o chiste. Escoiteille dicir ao noso humorista Siro que el notaba como se ía perdendo a retranca. A sutileza no humor é unha arte e, como todas as artes, difìcil. Escoitei moitos chistes do atentado a Carrero Blanco. Nunca me fixeron gracia. Tampouco me gustan as figuras das Marías en Santiago: esas dúas mulleres que tanto sufriron ata tolear e que os estudiantes tomaban a broma e chirigota pola alameda. Para mín non era agradable nin velas. E daquela da súa historia non sabía da misa a metade. Na guerra civil aos xornaleiros andaluces antes de fusilalos dicíanlles: Queréis tierra, pues nosotros os la vamos a dar. Quen me contaba a anécdota esmendrellábase de risa. En fin. Nun exame de relixión a pregunta sobre a infabilidade do Papa obtivo esta Resposta do alumno: «o papa é infalible antes do parto, no parto e despois do parto». A un amigo moi relixioso non lle fixo gracia. Hai alcumes crueis e hainos suaves. Estes tres proceden de Bazán: Patú, Minchín e Parlevou. As historias do por qué parecéronme deliciosas. Todos lembramos a Gila no teléfono: «¿Es el enemigo?» Vale moito quen conta o chiste. Primo Levi describe o mundo terrible dos campos de concentración. E dinos que os propios presos contaban chistes. O terceiro libro da súa triloxía ten capítulos de moito humor. ¿Aínda se contan chistes de xitanos? ¿E de andaluces vagos? ¿E de galegos porcos e raposos? ¿E de cataláns avarentos? ¿E de homosexuais?. Imaxino aos nazis contando a gargalladas chistes de cinzas. Para espantar calquer asomo de conciencia, penso.