Recolleu a prensa estes días que Galicia nunca foi tan visitada por viaxeiros estranxeiros coma en 2014. Máis dun millón de visitantes nos primeiros once meses do ano superaron as previsións do Plan Integral de Turismo de Galicia, enfocado a impulsar un sector de calidade nos vindeiros anos. O Plan destaca cales son os elementos diferenciais que fan deste país da periferia un lugar atractivo para tantos visitantes: a maior parte combinan un medio natural singular cun patrimonio histórico e cultural potentes e, non menos importante, cunha valorada idiosincrasia dos seus habitantes. Esta combinación proxecta unha imaxe positiva no resto de España e agora, probablemente por xestións acertadas, no resto do mundo.
Debe isto aledar ao sector turístico polas achegas económicas que supón, e tamén a quen se preocupe polo medio ambiente, pois boa parte do atractivo galaico baséase na calidade de conservación do territorio. A Galicia non acoden visitantes para atopar feismo, casas sen pintar ou sendas de asfalto; esa é unha materia na que aínda hai moito por andar, pese a que as administracións comezan a poñer vimbios para facer o cesto das diagnoses de melloras necesarias e plans para acadalas, como a da paisaxe, aínda que se botan en falta iniciativas semellantes para a xestión dos espazos protexidos, a eterna materia pendente.
De lograr medios para acadar eses obxectivos, se os sectores implicados elixen a senda de moitos casos de éxito, se vai callando unha oferta de actividade máis desestacionalizada, entón seguro que Galicia, nai e señora, fará o resto.