Vivencias de aprendiz

POR SIRO

FERROL

siro

Cando a un instrutor de ximnasia se lle ocorreu poñer a competir os aprendices do noso grupo en diversas probas olímpicas, eu estiven a punto de inventar o salto de altura estilo Fosbury, pero ao revés: panza abaixo. Como a carranchapernas non conseguía superar máis de 90 cm, empecei a visualizar un salto no que corría cara o listón para tomar impulso e lanzarme sobre el a un metro de distancia, co corpo teso e unha inclinación de 60º cara adiante; despois, xa enriba do listón, erguería as pernas e baixaría os brazos para aterrar cun xeitoso pincho carneiro. A idea era boísima e o salto perfecto, pero algo fallou porque rematei tragando un quilo de area e coas gafas tan mancornadas que merquei outras.

A carreira dos 400 metros fixémola arredor do campo de fútbol do Cuartel de Dolores, no Campo de Batallóns. Corriamos de dous en dous, saíndo un 5 segundos despois do outro. Eu corrín detrás de Barcia, o actual alcalde de Mugardos, e como era pequeno e paticorto, pensei: -A este cólloo antes de chegar aos 200. Pero Barcia corría que se pelaba e eu, no esforzo por pillalo, quedei sen alento aos 200; aos 300, nin respiraba, nin sentía as pernas; e, ao cruzar a meta, caín no chan co corazón bailándome entre os dentes e o cerebro baténdome contra as tempas. Nunca me sentín tan mal. O grupo marchou sen min, que quedei deitado na herba un bo cacho e cando conseguín erguerme, nin andar podía. Os que me viran quedarían amilagrados ante un rapaz en roupa de ximnasia e borrachiño perdido, ás nove da mañá.

Mellor me foi no festival artístico celebrado no ximnasio o día do noso patrón, santo Tomás de Aquino. Gañei o primeiro premio en rapsodas, canción moderna, e co trío Mogambo. Aí está a revista Bazán, que non mente.

O festival facíase todos os anos, pero en 1959 correu a bola de que non habería e Vituco Díaz Robles, integrante do trío Los luceros, apuntouse para ir nunha excursión ás Pontes, ese mesmo día. Logo, cando soubo que teriamos o concurso, correu a secretaría de escolas a pedirlle ao ruin, de quen falei no artigo anterior, que lle permitirse renunciar á excursión e participar no certame.

-Sí, hombre; no hay ningún problema. Os inscribo ahora mismo. Respondeulle, cordialísimamente; e collendo a lista de participantes, anotou . Logo preguntoulle: -¿Qué canciones vais a cantar?

Vituco respondeu: -Pues cantaremos Rogaciano el jangadero y El cuervo. En canto o dixo e viu mudar a cara do ruin, Vituco soubo que metera a pata, porque el cuervo era o alcume que, había tempo, lle puxeran os aprendices e pasaba dunha promoción a outra. Veremos -dixo- si don Abelardo te autoriza, pero no sé? No te hagas ilusiones.

E Los luceros non puideron participar, que o ruin non estaba disposto a oílos cantar, ante catrocentos rapaces con caras de cachondeo:

Ante cen rapaces con caras horrorizadas pasou o peor trago da súa vida o pai de dous aprendices educadísimos, aos que o ruin fixera unha canallada. Metéralles un castigo tan inxusto, que o pai, empregado na oficina de revistería, falou con el para que llelo retirase; pero perdeu os nervios e ofendeuno. Ao ruin faltoulle tempo para denuncialo a don Abelardo, e a don Abelardo para tomar medidas disciplinarias. Non consigo recordar se nos xuntaran a todos os aprendices no ximnasio ou na aula de estudos nas escolas, pero estou vendo a aquel home pequeno e miúdo, de pé ante o ruin e don Abelardo; a cabeza gacha, os lentes na punta do narís, dicindo cun fío de voz: -Le pido perdón por haberlo ofendido? E o corvo graznando: -¡Más alto, más alto! E aquel home excelente, ante os fillos e todos nós: -¡Le pido perdón?!

Foi un acto dunha crueldade tal, que aínda me fai dano recordalo; pero o corvo sacou peito e don Abelardo tamén. O principio de autoridade quedara salvado.

siro@siroartista.com