Polo visto e oído a voces autorizadas de partidos políticos maioritarios, o que acaba de pasar nas eleccións europeas é un fenómeno de frikis -os deuses e o inglés me perdoen- que pasaban por aí e arramplaron algún millón de votos. Tirado, o fai calquera que se propoña tal empeño: xuntas catro pesos, uns amigos a través das redes sociais, unha asemblea nun barrio e xa está, empezan a chover votos a cachón.
Polo visto neste país, nestes europeos países, non pasaba nada; a economía, vento en popa sen problema de burbullas; os servizos sociais, mellor que o emprego; a corrupción era o destino do corpo dos que non son santos insignes; os fondos europeos adicáronse sempre aos mellores fins, coas instalacións a pleno rendemento; as autoridades responsables de supervisar a economía e a banca alertas nun horizonte de caixas e bancos saneados e prósperos; os miles de concellos xestionando eficazmente ata o último céntimo do cidadán, apoiados polas imprescindibles Deputacións Provinciais.
Un sistema fiscal xusto onde pagan máis os que máis teñen, sen burladeiros sicavs para darlle un quite ao touro de Facenda; a Sanidade ben coidada, sen profesionais contratados por horas; o ensino, ben, cun marco legal consensuado entre os distintos partidos e centros coidados e dotados convintemente. De Europa destacaba un programa común claro e equilibrador. Normal que os expertos non entendan isto dos frikis. Claro que ningún experto predixo, antes de novembro de 1989, a caída o Muro de Berlín.