A outra banda (e II)

Siro
SIRO FERROL

FERROL

siro

04 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

¡Canto me gustaría entrar no túnel do tempo e viaxar ao século XVII para ir ao lugar do Pazo, na parroquia de Barallobre, e coñecer a aquel fidalgo emparentado coa casa de Lemos, que toleou por ler novelas de cabaleiría, tomou o nome de Lanzarote de Lago, e adicouse a buscar o santo Grial por terras do arciprestado de Bezoucos! Del fala Iria López Teijeiro no precioso limiar do libro Un Mundo Chamado Fene.

Pero tamén tería moito que preguntar a xente máis próxima no tempo, como os irmáns Servia, donos dunha fábrica de gaseosas no peirao de Maniños, que cando chegaron a Pepsi Cola e a Coca Cola, para non ser menos, lanzaron a Servi Cola.

E a Juan López Carneiro, creador dos Talleres Carneiro, que en 1951 patentou as primeiras «bombas Taca», para extracción de auga de pozos. Eran de fabricación artesanal, pero tiveron éxito no mercado porque funcionaban en perforacións de pequeno diámetro. Nos anos sesenta, coa adquisición de nova maquinaria e a colaboración dos fillos Marcelino e José, e do xenro José María, chegaría a expansión da empresa, que tivo en nómina máis de trinta empregados e deu traballo a outros talleres. Hoxe Bombas Taca, dirixida polos netos, tres curmáns que comparten responsabilidades, traballa cunha multinacional danesa e está orientada ao sector industrial.

¿E canto non falaría eu cos irmáns Antonio e Manuel Otero, tamén de Maniños, exemplos de empresarios emprendedores? O pai emigrara a Cuba e fixera cartos, pero deixounos orfos con 3 e 2 anos. Manuel, o fillo pequeno, rapaz inquedo, quixo coñecer mundo e aprender; e con dezasete anos marchou a Cuba para traballar nos tostadeiros de café de don José María Souto Grande, veciño de Maniños, no pazo dos Montenegro. Cando volveu, en 1924, traía máis ideas que cartos, e púxoas en marcha co irmán. En terreos da nai, na Armada, crearon un Taller Mecánico de Carpintería para facer «toda clase de trabajos de carpintería y ebanistería a precios sumamente módicos. Especialidad en puertas y ventanas y carrocerías para camiones». Portas e ventás fixeron moitas, sobre todo para o Cuartel de Instrucción de Ferrol; pero en pino roxo e tea construíron a carrocería de varios ómnibus; o primeiro, para José Ramón Casteleiro, «o Troulo», que facía a ruta a Pontedeume.

Na Guerra Civil a fábrica foi militarizada, e parte da xornada adicouse a construír para o exército muletas, bastóns, remos, mangos para picos e pás, etc. En 1939, as cidades con tradición na fabricación de xoguetes, como Valencia e Denia, estaban desfeitas, e os irmáns Otero fixeron en Maniños xoguetes de madeira e material escolar para os nenos de toda España. En 1940 tiñan en nómina 60 operarios. O 31 de nadal de 1944 desfíxose a sociedade. Manuel ampliou a fábrica de xoguetes, que no 1958 chegaría a ter 74 traballadores; e a mediados dos sesenta, foi trocando a xoguetería por berces, andadores, corraliños e sillas para nenos, todo en madeira.

Antonio adicouse á fabricación de mobles én estilo rústico, e tamén tivo éxito. Posuía especial talento para a ebanistería e inventou maquinaria inexistente no mercado. Rematou facendo moble de alta calidade, por encargo. En Maniños os irmáns Otero son queridos e respectados. Eu lembro as Galerías Otero nas rúas do Sol e María, en Ferrol, pero ata agora non souben que eran de Manuel.

siro@siroartista.com