Eu tiven dous veciños tranviarios: José Varela, avó paterno de Miguel Tranquilo, o home de María Manuela, que era cobrador e vivía na rúa Fernando VI, moi perto da miña casa; e Justo Riobó, o pai de Maricarme, viúva de Camilo Ces, que era inspector e vivía na rúa de Carlos III, enriba de Cacharritos. Tamén na porta de Caranza, vivía un cobrador, de apelido Vázquez, e na rúa de Ánimas, Leopoldo Yáñez, que era condutor. Leopoldo saía de Neda á primeira hora da mañá para traer os veciños que viñan traballar a Ferrol, e cando vía que a algún non lle daba tempo a chegar á parada, baixaba a velocidade para que poidese subir en marcha. Cando se xubilou, no 1941, regaláronlle un cadro grande cun debuxo dun tranvía, do que tiraba un cabalo esfameado, mentres os viaxeiros sacaban as cabezas polas xanelas para animalo. O texto dicía: Al gran Leopoldo, as de la manivela, le dedica este homenaje la tribu nómada del Rojal, Mourela, Juvia y adyacentes.
No artigo anterior dixen que, de neno, pasmaba vendo a caixiña de latón do cobrador, cos tacos de tiques de cores, como acuarelas. Hoxe pasmo ao recordar que nos anos coarenta, por falta de moeda, os selos de correos e aqueles tiques servían para facer pequenas compras nas tendas. Cun tique de tranvía, de quince céntimos, vin pagar eu dous quilos de azucre.
Para non patinar nas costas cando había xeada, o condutor levaba un cacharro con area -a mesma que tiraba aos rapaces que subían ao tope do enganche-, e botábase nas vías; pero se ían moitos pasaxeiros o remedio non era efectivo, e o cobrador pedía que baixasen algúns. Non obstante, o tranvía era un medio de transporte seguro e, que eu saiba, só descarrilou unha vez, baixando a costa Xubia, ao tomar a curva na entrada da ponte, sen que houbese feridos graves. Aquel día ía de cobrador o señor Bravo, pai dun deliñante de Casco en Bazán, que foi compañeiro meu.
As paradas eran fixas, pero en certa ocasión, por mor dunhas obras, moveron unha na estrada de Castela. Rematadas as obras, o tranvía non volveu á parada primeira, con gran cabreo dun veciño; un home pequeno pero tan bravo como teimudo, que parou o tranvía poñendo unha gran pedra na vía. Apareceron os gardas e tivo que retirar a pedra, pagar unha multa e, para colmo, a parada non volveu onde sempre estivera.
Aquelo non fora un atentado. Os únicos atentados que sufriu o tranvía foron os duns bárbaros que, nos anos da República, querían amañar o mundo a bombazos, e no 1933 voaron varios postes do tendido eléctrico.
Por Justo Deza Comesaña, que traballou en Tranvías vinte anos, e a quen Guillermo Llorca entrevista no libro Memoria da vida cotiá, sabemos que os tranvías levaban tanta xente, que no ano 1951 tiveron catro millóns de pasaxeiros, e que en 1960, cando foron substituídos por autobuses, o número de traballadores da compañía era de 115, incluídos dous limpavías, pai e fillo, moi baixiños, que ían dun lado a outro cuns ferros, como bastóns, rematados en punta de lanza.
¿Por qué deixou de funcionar un medio de transporte tan barato e ecolóxico? Segundo algúns expertos, por mimetismo. Cando París prescindiu deles, fixérono todas as grandes cidades e despois as pequenas. En Valencia volveron circular no 1994, e dende entón tamén en Alicante, Bilbao, Barcelona?
Aquí conservamos para a nostalxia o nome da empresa Tranvías de Ferrol, que a familia Botas adquiriu a comezos dos anos setenta.
siro@siroartista.com