Johann Sindel perdeu en España os enormes bigotes, e foi boa cousa, que non deixaban verlle a cara de alemán bonachón. Del e da súa xente falareilles neste artigo, e de Alberto Fernández no próximo.
Johann Sindel chegou a Ferrol coa muller, Betty, -unha austríaca moi intelixente que tamén traballou en Hispania, ás ordes de Alberto Fernández- e coa filla, Iris, unha rapaza de doce anos que non tardaría en causar sensación na cidade coa súa beleza. Os Sindel alugaron un piso na rúa San Francisco, propiedade de Venancio, o da marisquería, e naceu unha forte amizade entre as dúas familias.
Betty morreu de cancro e, no 1940, Johann casou con Dolores Dobarro, catorce anos máis nova ca el, veciña de Esteiro e curmá da avoa do cantautor Andrés Dobarro. Un ano despois naceu Juan, que sería alumno do Tirso ata os dez, cando os pais deciron envialo a Alemania para que estudiase enxeñería. O neno chegou a Nuremberg no 1951 e descubriu unha cidade en ruínas como consecuencia dos bombardeos durante a Segunda Guerra Mundial. Viviu coas tías, fíxose enxeñeiro e, aínda que seguiu vindo de vacacións a Ferrol, cada día foi un pouco máis alemán; ata que no 1962 coñeceu a Angelines, unha encantadora rapaza de Verín, que facía turismo en Alemania. Foi un amor a primeira vista. Angelines xa non volveu, casaron, Juan recuperou o español esquecido, tiveron dous fillos e todos os anos veñen de vacacións a Verín e Ferrol, onde teñen moitos amigos.
Ao comezar a Guerra Mundial, Iris tiña 18 anos e era unha muller esplendorosa. Estaba en Madrid, estudiando idiomas, cando coñeceu a Hans Weiss, espía alemán que a incorporou ao grupo co centro de operacións nos baixos do hotel Ayala. Mandárona a París para dar información metereolóxica á aviación alemana que atacaba Inglaterra. Ao rematar a guerra volveu a Madrid e no 1947 casou con Hans.
Os españoles oímos falar moito «do ouro de Moscú» e pouco ou nada «do ouro nazi» procedente dos expolios en distintos países, que as autoridades alemanas confiaron, para a súa custodia, ao ministerio español de Exteriores, ao ver perdida a guerra. A esixencia dos aliados de que se lles entregasen os cartos e o ouro deu lugar a un vergonzoso patinazo diplomático, que o Réxime se encargou de silenciar. Des que o 1 de xaneiro de 1945 os gobernos de Londres e Washington fixeran chegar a reclamación ao ministro Lequerica, o director xeral de Política Económica, Emilio de Navasqués, negou teimudamente a existencia dos fondos, ata que en novembro, ante as evidencias, recoñeceu que no Instituto Español de Moneda Extranjera había unha tonelada de ouro en moedas, que entregou con 51 millóns de pts.
Hans repartira os cartos para gastos de espionaxe entre os integrantes do grupo, e ficou en España como un negociante en peles, moi ben relacionado coas grandes familias do franquismo. Despois, en 1950, cando xa os aliados relaxaran en Lisboa os controis sobre os alemáns que viaxaban a Sudamérica, marchou con Iris a Brasil e montou en Sao Paulo a empresa Welba, con 150 traballadores. No 1979 vendeuna e volveron a Alemania. Iris enfermou e houbo que ingresala nunha clínica, en Nuremberg. Hans pagou os gastos pero largou cunha brasileira, e foron Juan e Angelines quen a coidaron e a trouxeron a Catabois cando morreu, que sempre suspirara polo seu «Ferroliño».
siro@siroartista.com