Summertime

Xan R. Silvar A

FERROL

02 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A miña canción de verán sempre será a melodía que escribira Gershwin para o libreto da ópera Porgy and Bess no 1935. Esta peza, unha das máis versionadas da historia do jazz, aínda evocando o ambiente caloroso e pegañento do sur da norteamérica profunda, recolle, para min, a esencia do estío. Un tempo no que o corpo e a mente piden un alto no ciclo anual, para desconectarse e cargarse de enerxía ao tempo.

Tempo para encontro con familiares, amigos, tempo para o azaroso, a sorpresa feliz e, tamén a desgraza inesperada. Certo que lembro máis veráns asociados a acontecementos felices que a accidentes ou perdas de xentes queridas pero decátome, mentres escribo, como a luz, os sons destes meses de longos días e curtas noites, envolveron estas experiencias nun celofán neboento, dándolles unha atmosfera singular.

Algo así vivín, vivo, estes días, compartindo con tanta xente o impacto do accidente tren da noite do 24 en Santiago. Incredulidade, asombro, pesadume, compaixón, solidariedade, suspicacia e indignación por todo o que imos sabendo sobre o acontecido son estadios que vostedes saberán identificar. Sempre esperei non fora preciso outro Nunca Máis en Galicia, pero esta vez vai tamén de transporte e erros humanos, a xustiza dirá se en singular ou plural. Mentres, a versión doce de Ella Fitzgeral e Louis Amstrong dalle paso á rota voz de Janis Joplin. Sempre Summertime.