O urbanista apunta que a clave da recuperación está no uso residencial
18 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A relación de Ferrol coa empresa Oficina de Planeamento remóntase aos anos setenta, dende a primeira corporación democrática. A firma foi responsable da elaboración dos plan xerais de 1984 e do 2000, do plan especial de A Magdalena e agora ten entre mans o de Ferrol Vello. E sobre a situación e o futuro deste barrio falou onte nunha tertulia organizada polo Ateneo Ferrolán o seu director, o prestixioso urbanista Ánxel Viña Carregal.
-Manteñen unha relación moi continuada con Ferrol...
-Enganchounos a cidade, a máis descoñecida para os galegos, que é extraordinaria e que se perden porque realmente é moi pouco coñecida. E é estupenda, dende o noso punto de vista, cunha calidade urbanística moi singular e moi diferencial á doutras cidades, probablemente porque vén marcada pola planificación e a orde dende a fundación da nova poboación.
-A súa conferencia leva por título «Ferrol Vello. Que futuro». ¿Qué futuro ten Ferrol Vello?
-Ferrol Vello ten que ter futuro, porque visto dende a cidade non cabe asumir a perda dun elemento como é a súa orixe. Por difícil e complexa que sexa a situación, ten que ter futuro. O que está a pasar en Ferrol Vello é o caso levado a un límite dunha situación común nas cidades históricas. Xenerouse unha dinámica de abandono de poboación, das edificacións e do mantemento da conservación, nun proceso acelerado que pouco a pouco vai metendo á cidade histórica nunha crise de inviabilidade. No caso de Ferrol se vén producindo dende hai bastante tempo. Ferrol Vello ten o caso límite, a situación e moi crítica. En todo caso, a cidade chegou ata nós, danadísima pero chegou, e o fixo da man dos que a habitaron. A cuestión clave da recuperación dos conxuntos históricos en crise é a recuperación do uso residencial. Sen el, non hai cidade. O principal activo é a poboación residente. E o esforzo para intervir, no caso de Ferrol Vello, ten que ser moi explícito e probablemente con estratexias de intervención máis activas das que coñecemos nas accións ordinarias de rehabilitación.
-¿Ten algo ao seu favor para a súa recuperación o barrio?
-Que é pequeno. Non é un labor que estea fóra da escala da cidade, non é como Santiago, que é inmenso. Na situación crítica na que está, é manexable.
-¿Como influirá o BIC?
-Paréceme un estímulo e o peche directo do compromiso. Este problema de Ferrol Vello ten un contexto, que é a problemática da cidade toda. A perda demográfica de Ferrol Vello é unha parte da de Ferrol. Que Ferrol busque papel no seu entorno máis cercano é relevante para a cidade toda, tamén para o entorno metropolitano, para a cidade histórica e para Ferrol Vello. Non é un problema aillado. E hai que seguilo nunha estratexia de recuperación urbana. Non estamos tentando salvar unha rareza, senón que é un elemento dunha cidade que á súa vez ten que salvarse.
ánxel viña CARREGAL DIRECTOR de oficina de planeamento