Ven de publicarse o avance da enquisa de febreiro do CIS. O Centro de Estudios Sociológicos entrevista a 2.500 persoas cada mes, agás agosto, para elaborar os seus Barómetros.
Estes traballos pretenden un retrato do estado de opinión cidadá preguntando un conxunto de indicadores fixos que permiten seguir a súa evolución; tamén usa outros indicadores variables para saber de temas concretos.
Esta entrega recolle algo esperable: as principais preocupacións cidadás son o paro e a economía, poñendo negro sobre branco as angustias dunha sociedade posta fronte ao espello que reflicte os seus valores e miserias das últimas décadas.
Mais a atención fóiseme hoxe ao apartado da valoración das distintas profesións: as dúas máis estimadas son «médico» e «profesor».
Os datos -(http://datos.cis.es/pdf/Es2978mar)-, que non deberían deixar de ler os usuarios e, especialmente, os responsables de sanidade e de educación, recollen o aprezo social destas dúas profesións.
Afonda máis no profesorado, afinando nos niveis de infantil, primaria, formación profesional e universidade, coincidindo bastante os resultados coa percepción de boa parte da docencia no canto das dificultades de atender ás novas demandas, vidas dos cambios sociais e administrativos dos últimos lustros.
En suma, si a sociedade fala polo Barómetro, estase a recoñecer, apoiar e solicitar ás profesións que máis directamente tratan cos seres humanos.