Nos anos cincoenta e sesenta había en Ferrol varias academias que preparaban oposicións, como Minerva, na rúa María, propiedade de Pedro Sanjuán Maristany, irmán de Carmina, a muller de Andrés Dafonte; a de Ferreiroa, en San Francisco; a San José, perto do Parque Municipal; e a Jorge Juan, en Galiano, enriba de Vivanco. A Jorge Juan creouna o matemático Honorato Marínez Luaces con Francisco Grueiro -un home de Miño que empezara de grumete e chegara a contramestre da Armada- e cos seus fillos Francisco e María Mercedes, quen, ademais de profesora de Química, foi a directora e, anos despois, casou con Honorato.
Malia o prestixio que como profesor de matemáticas acadou Honorato na cidade, ninguén o aseñoreou e foi sempre Honorato a secas; quizais polo seu talante aberto e cordial, pero tamén por ser neto de Paco o roncón, un constructor moi popular, cantor e poeta, autor de varias cancións que recolleu Ramón Sánchez Dopico; e, sobre todo, tan divertido e mullereiro, que morreu sen un patacón. Tamén o pai fora un home coñecido, por ser chófer do alcalde na República, e mecánico na Constructora cando, despois do Alzamento, o botaron do concello.
Honorato empezara a licenciatura en Exactas en Compostela, onde tivo como profesor de análisis algebraico ao cura astrónomo de Lalín, Aller Ulloa, quen ten na Lúa un cráter co seu nome; pero rematouna en Madrid con outros prestixiosos profesores.
A Academia Jorge Juan medrou axiña como a escuma, e, puxo pasantías nas rúas Magdalena e María, e no Inferniño; despois, con novos socios e María Mercedes na dirección, chegou aos concellos de Narón e Fene. Creou moitos postos de traballo e contou con profesores excelentes, como Carballo Calero, ata que marchou a Lugo para levar a dirección do colexio Fingoi; Leyra Domínguez, José Doval, Teruca Roca, María del Carmen Cordero, Fina Novo, Manuel García?, pero tamén tivo en Antonio Bustamante, profesor de latín e xefe de estudios, o repartidor de labazadas que en poucos centros faltaba.
Entre os socios da Jorge Juan xurdiron discrepancias, e Honorato, que xa fixera oposicións ao Instituto, e María Mercedes marcharon cabo de tres anos. Honorato chegou a dar clases no ínstituto feminino cando estaba nunhas aulas laterais do Concepción Arenal e o dirixía Chalín; María Mercedes meteuse na aventura de crear un pequeño colexio mixto para os propios fillos e os dalgúns amigos. Así naceu o colexio Belén, que empezou con sete alumnos na rúa Dolores, no antigo colexio das Prada, onde María Mercedes estudiara, e que, anos despois, nos baixos que ocupara o Ferrol Diario, estivo a tope.
Honorato e María Mercedes están como dúas rosas e conservan na memoria os nomes de moitos alumnos que acadaron o éxito profesional. El cita unha restra de enxeñeiros industrais, aeronáuticos, de camiños, médicos, mariños? Tamén ela dá moitos nomes, pero ten un recordo especial para Carolina, unha alumna especialmente brillante, da que teremos que falar.
Remato estes artigos sobre o ensino, volvendo ao tema presente en todos eles, o do castigo físico. E fágoo para dicir que non é certo que fose propio daquel tempo, porque só unha minoría o aplicaba; nin tampouco unha consecuencia directa do franquismo, porque os dous profesores que tiven de Formación del Espíritu Nacional, Antonio Miragalla e Plácido Liz Arias, falanxistas os dous, xamais ergueron a man contra un alumno.
siro@siroartista.com