Un humanista

POR SIRO

FERROL

Siro

25 nov 2012 . Actualizado a las 06:58 h.

Aos doce anos Paco Vizoso xa pensaba que o dito gramática, la señorita antipática era unha parvada, porque vía nos idiomas a maior riqueza das persoas, e esforzábase en falar cada día mellor. Aos sete descubrira na radio a Mozart, e sentira tanta emoción, que non puido durmir en toda a noite. A palabra e a música serían as súas paixóns.

Os pais, Manuel e Rosa, copropietarios da empresa Insua y Vizoso, na rúa Espartero, tiñan casa en Maniños, pero vivían en Ferrol, na praza de Amboaxe, enriba da Librería Católica, e Paco fixo o bacharelato no Instituto. Ía en sexto cando tivo unha crise relixiosa e ingresou no seminario de Mondoñedo; saiu cabo de catro anos, agnóstico e moi crítico coa xerarquía da Eirexa. En realidade, era crítico coa sociedade en conxunto, porque alguén tan serio, responsable e legal coma el, non podía admitir a frivolidade, a mentira e moito menos a inxustiza.

En Madrid, ao tempo que estudiaba Filoloxía Clásica, preparaba o Doutorado e daba clases como profesor auxiliar na Complutense, adquiriu cultura musical, aprendeu a tocar varios instrumentos e chegou a participar en concertos con distintos grupos de cámara. Cando no 1954 opositou a cátedras, e viaxou a Gijón para tomar posesión da de Latín no instituto Jovellanos, o primeiro que fixo ao baixar do tren foi causar alta na Sociedade Filarmónica, e despois aloxarse no Hotel Castilla, onde pasou trinta e cinco anos, nos que protaganizou a vida cultural da cidade.

Paco Vizoso impartía latín, pero nas clases levaba os alumnos de Séneca a Kant, e de Virxilio e Cicerón a Thomas Mann e a Ortega, ademais de crear unha aula de música, cos seus propios recursos, para os que quixesen formarse nesta materia.

No xornal El Comercio fixo crítica musical con xuízo tan cabal, que grandes intérpretes internacionais a reproduciron nas carpetas dos seus discos. Felizmente, foi recollida no libro 25 años de crítica musical, no 1994. Tamén asistiu á tertulia chamada de los Senadores con outros espíritos inquedos, que recoñeceron nel a extraordinaria capacidade para analizar, sintetizar e expoñer as reflexións nun castelán perfecto. Así escribiu ensaios como El Humanismo, los Humanismos y los saberes positivos, no 1966; e Dos figuras cimeras del Barroco musical: Bach y Haendel. Sus respectivas posturas estéticas, no 1977.

No verán e en Nadal viña a Ferrol, e un grupo de amigos arranxaba no teatro Jofre concertos matinais, sen público, con el, Merche Gasalla e Julio Ferreira como intérpretes. De camiño paraba en Ribadeo para tocar co boticario Fernández-Cid, varios músicos da Orquestra Nacional e Miguel Amador, cando andaba por aló.

Paco Vizoso aparece en semblanzas de asturianos ilustres con Severo Ochoa, Nicolás Piñole, e Dolores Medio, entre outros, de aí que o goberno da comunidade lle concedese a Medalla do Principado, no 1992, e a Cruz de Afonso X o Sabio, no 1995, que se lle impuxo aquí, en Ferrol. Tamén o Instituto Jovellanos creou, con motivo da xubilación, a Aula de Música Francisco Vizoso.

Ao xubilarse empezou a dicir que algo turraba del, e volveu a Maniños. O tabaco estragáralle os pulmóns, e deixou a frauta pola espinela. Morreu no 1997, pero nos últimos anos, seguiu regalando saber en xuntanzas con amigos e a través de Radio Fene. Paco Vizoso foi un home coherente, un humanista fiel ao principio esforzarse en aprender, empeñarse en transmitir, que el mesmo se marcara.