26 abr 2021 . Actualizado a las 13:36 h.
Sabio si, e humilde, amable, cordial e xeneroso, como os que o son verdadeiramente. Chámase José Luis Comellas García-Llera, ten 83 anos e leva medio século afincado en Sevilla, pero naceu en Ferrol, na rúa Real, esquina a Méndez Núñez e a praza de Amboaxe, nun fogar marcado pola vocación cultural e a sensibilidade relixiosa. O pai, don José, fillo de don Manuel Comellas, era avogado de ferrocarrís, pero canso de defender a empresa contra as xustificadas reclamacións dos usuarios, colgou a toga e adicouse á docencia, dando clases de Física e Química, que era o que lle gustaba. A nai, dona Mercedes, excelente pianista, non volveu actuar en público desde que casou, pero na casa seguiu facendo música, e como José Luis soía pasarlle as follas das partituras, aprendeu as notas, os tempos e os compases, sen darse conta. O matrimonio tivo cinco fillos, todos felizmente vivos. O maior, Manuel, de 97 anos, vive na Coruña, pero en Ferrol deu clases de matemáticas, no Tirso; Pilar, de 94, é a viúva de Juan Cardona; María Dolores, de 81, e Memela, de 80, son monxas da Compañía de María en Brasil e Compostela, respectivamente.
José Luis estudiou Filosofía e Letras en Santiago, e como daquela só había Sección de Historia, fíxose historiador. Licenciouse no 1951 con Premio Extraordinario Fin de Carreira e obtivo, ademais, o Premio Ourtvanhoff ao mellor estudiante da universidade.
No 1953 doutorouse en Historia pola Complutense de Madrid, coa tese Los primeros pronunciamientos en España, que lle valeu o sobresaliente cum laude e pola que recibiu, en 1954, o Premio Nacional Menéndez Pelayo. No 1963 acadou a cátedra de historia na Universidade de Sevilla, e desde entón leva publicados oitenta libros, o último, o pasado mes de maio, sobre a viaxe de Magallanes-Elcano, que plantexa e resolve interesantes problemas de navegación, ademais de dar a coñecer unha das grandes aventuras da historia.