Un Goya en Ferrol

POR SIRO

FERROL

29 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En Ferrol houbo sempre moi bos anticuarios, como José, que tiña o comercio na rúa María, onde empezou o fillo Jenaro, que logo marchou á rúa Gravina. Boas anticuarias eran a Gabriela, Chelo a Barreira e a Catuta, as tres na rúa Real; Miluz, na rúa Magdalena; Maruja Labajo, na rúa María, onde segue Blanca, a filla. En Ferrol Vello recordo dúas: Teresa e Amalia Castro, que era madriña de María de los Ángeles, a gaseira. Non sei se tiñan tenda Chiruca e Fina, pero ademais de andar co toldo polas festas, tamén se adicaban ás antigüidades. E na rúa Magdalena estaba Juan Leira, coñecido como Juan o chambón. Supoño que Guillermo Ferrández terá estudiado o uso das palabras chambo e chambón en Ferrol, onde perderon o sentido pexorativo do castelán e do galego. É certo que os nenos da miña infancia diciamos ganar de chamba a ganar por sorte, e que os maiores chamaban chambonada ao éxito casual ou como resultas dunha chapuza; pero o chambo era cousa seria, e chambóns foron todos os anticuarios, aínda que o alias o levase Juan Leira.

Foi Juan o chambón quen, a mediados dos cincoenta, adquiriu en Madrid un pequeño augaforte que representaba a san Francisco de Paula, do que se comentaba no mundo das antigüidades da capital que podería ser de Goya. E aquí entra en escena un personaxe peculiar, chamado Manolo Fidalgo, que, andando o tempo, sería compañeiro meu en Deliñación, en Bazán, onde el era traductor de inglés. Porque a Manolo Fidalgo, estrafalario, descoidado e disperso, dábanselle ben os idiomas, e as artes plásticas; de aí que estivese en posesión dos títulos de guía turístico internacional en Compostela, e de crítico de arte.

Cando Juan Leira lle mostrou o augaforte e lle dixo que era de Goya, Fidalgo foi á biblioteca municipal a consultar un libro no que están recollidas todas as sinaturas do artista, pero a do gravado non apareceu.

Sen embargo, canto máis o estudiaba, máis lle parecía da autoría de Goya; así que volveu consultar o libro varias veces ata que unha tarde, ao ollar unha folla a contraluz, viu a sinatura do augaforte.

Goya non se decatara de que tiña que asinar a plancha ao revés para que nas copias saíse ao dereito, pero era seu e un dos primeiros que fixera. Fidalgo pediulle os cartos a Marcelino, o dos Cazadores, e correu a mercalo.

En canto o Museo do Prado confirmou a autenticidade, Fidalgo empezou a pensar en vendelo a un coleccionista americano, pero tanto barullo armou en xornais e emisoras de radio, que recibiu un aviso de Patrimonio, facéndolle saber que a obra quedara catalogada e non podía saír de España.

Todo Ferrol soubo daquel achado, e un día que Fidalgo piropeou na rúa a unha rapaza de ollos fermosos, preguntándolle onde os mercara, ela respondeulle de contado: -En el chambo. Despois o gravado foi quedando no esquezo, e moitos pensamos que fora malvendido.

Fidalgo morreu xove, no ano 1971. Casara con Isabel Casares, quince anos máis nova ca el, licenciada en Exactas, profesora no Instituto Feminino, neta de Javier Casares Bescansa e sobriña de Demetrio, o das procesións na Semana Santa.

Tiveron catro fillos, e hai pouco coñecín a María, a maior, que dá clases de Historia da Arte en Sevilla. Pregunteille polo augaforte e díxome que o ten ela.