«Narón é un exemplo a imitar por outros concellos da zona»

Antía Urgorri Serantes
ANTÍA URGORRI FERROL / LA VOZ

FERROL

O nacionalista destaca que as contas do 2012 son para a maioría social

14 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Pablo Villamar desembarcou no tripartito de Narón hai tan so uns meses e, como edil de Xestión Orzamentaria, xa tivo que enfrontarse a unha das tarefas de maior transcendencia para o municipio, a de cadrar os ingresos e gastos do Concello. «É un presuposto dinámico», sinala. De momento, a súa teima de ter aprobadas as contas antes do 2012 se cumpriu.

-Tempos de crise e Narón sube o presuposto. ¿A que se debe?

-Pois concretamente sube un 4,63%, pasa de pouco máis de vinte sete millóns a vinte oito millóns. Basicamente as partidas que se incrementan son as referidas a impostos e taxas públicas, que revisamos, e a que a poboación de Narón segue medrando, e tamén o IBI. Por outro lado, o préstamo é 250.000 euros maior.

-¿Cree que o tripartito encarece o presuposto, como se ten dito dende outros partidos?

-Un presuposto é sempre ingresos e gastos. Sen embargo, os gastos con respecto a outros anos se marcaron en función de prioridades. Por exemplo, en Narón hai dous anos se gastaban dous millóns de euros en protocolo, e agora non se gastan. Isto dos tripartitos e os bipartitos é unha mentira que repetida mil veces, non sei se se pretende que chegue a ser verdade. En Narón sempre gobernaron bipartitos, e en moitos aspectos, o concello é un exemplo a imitar por outros concellos da comarca, onde ao mellor tiveron maiorías absolutas. Ese cliché non ten base sólida.

-¿Costou poñerse de acordo os tres partidos para deseñar as contas?

-Foi unha tarefa relativamente sinxela. Nos puxemos de acordo rapidamente e é un presuposto que non tivo nin un voto en contra e llo agradezo ao PP e á Converxencia Galega. ¿Algo quererá dicir? Que son unhas contas serias, rigorosas e adaptadas á realidade actual.

-Foi o seu principal obxectivo como edil de Xestión Orzamentaria.

-O meu desexo era deixar os presupostos aprobados no 2011, para que entrasen en vigor o 1 de xaneiro. Non pretendemos cambiar as cousas dun día para outro, pero xa no presuposto se ven plasmados os acordos do tripartito.

-A oposición criticou moito a subida dos impostos.

-En primeiro lugar en Narón tomamos a decisión de prestarlle aos veciños uns servizos de calidade, polo tanto temos que buscar a maneira de financiar eses servizos. Somos partidarios duns impostos progresivos e da existencia dunhas bonificacións. Entendo que aquelas familias que teñen capacidade de pagar o servizo, teñen que pagar o prezo real dese servizo. Pero Narón dedica unha cantidade importante de diñeiro a bonificar a aquelas familias que non poden pagar. É o que nos parece xusto. Son uns presupostos de xustiza social.

-Anunciou que se ía a revisar os padróns para evitar o fraude fiscal. ¿Xa iniciaron esta medida?

-Xa estamos niso. Temos que loitar contra aquelas persoas que non pagan os servizos ou os impostos que lle corresponde. Non é xusto que haxa cidadáns que pagan e outros que non.

-O baixón de licencias segue igual.

-Se nota un pequeno repunte nas licencias industriais, pero en comparación con outros anos, son moito menores. Este presuposto, ademais de controlar o déficit, serve para facer unha reestruturación. Temos que preparar o Concello para que teña un funcionamento rigoroso en momentos de bonanza e en momentos de crise. E nese sentido, debemos de escapar de que este tipo de ingresos vaian destinados a financiar gasto corrente. Iso é un perigo. Estamos facendo un esforzo en aproveitar estas circunstancias para reestruturar as nosas contas.

-Atrás quedaron as grandes inversións de Narón. ¿Que se priorizou?

-Este ano a inversión é de 2.561.865 euros. No 2011 foron 2,6 millóns. Comparando coa comarca, hai concellos que rebaixaron a inversión un 50%. Hai que priorizar os servizos sociais, onde non so mantemos as partidas, senón que incrementamos. Pero son uns presupostos dinámicos, imos a seguir traballando para renegociar partidas e incluso, estudamos municipalizar algúns servizos. Entendemos que iso redunda nun aforro económico.

-¿Como vai a ser o 2012 en Narón?

-Narón non é unha illa allea a todo o que pasa no país e no mundo. O miro con certa preocupación. Narón fixo un esforzo importante por diversificarse industrialmente, ten os seus polígonos, pero segue a estar moi ligada á construción naval, e desgraciadamente Navantia non pasa polos seus mellores momentos. O abandono ao que ten sometido Navantia o PP e o PSOE, fai que a comarca estea peor que hai trinta anos.

PABLO VILLAMAR EDIL DE XESTIÓN ORZAMENTARIA DE nARÓN

«É un presuposto que non tivo nin un so voto en contra. ¿Algo quererá dicir?»

«Hai que aproveitar as circunstancias para reestruturar as contas»

«Temos que loitar contra aquelas persoas que non pagan os servizos»