Oficios á marxe


Á marxe do establecido pola norma, como por exemplo o de carteira -botadora de cartas- e o de menciñeiro. A primeira carteira que houbo en Ferrol foi Rosa, a nai do meu amigo Alberto, casado con Luz Berta, muller lindísima, actriz de dobraxe e tía de Jesús Vázquez, o popularísimo presentador de TV. Rosa estivera na Arxentina, onde aprendeu a linguaxe da baralla; un saber que lle resultou rentable porque entre as súas ganancias e as do home, Felipe, habilísimo no trapicheo, o nivel de vida do seu fogar tiña pouco que ver co dos máis dos veciños de Esteiro. Os mellores xoguetes de Reis eran os de Alberto, que tamén tivo unha das dúas primeiras vespas que se viron en Ferrol. A outra foi a de Manolo, o fillo de Melele, o da ferretería. Pero os homes e mulleres da miña idade, que foron nenos da veciñanza, recordan a Rosa como unha muller xenerosa que cada Nadal os agasallaba cun cartucho de larpeiradas.

Nos menciñeiros hai que diferenciar os que curan calquera doenza con fórmulas máxicas -coma os que Cunqueiro retratou en Escola de menciñeiros- e os que chamamos compostores, que curan lesións musculares e de osos con herbas e masaxes. Dos primeiros só coñecín un escultor francés que traballaba de negro para Dalí, e que se empeñou en erguerme a paletilla, e case me rompe o espiñazo. Dos compostores tratei a Xulián, que vivía no barrio de San Valentín, en Perlío; un home de ben, que sabía o que facía.

Caso aparte é o de Xosé Luis Torrado, o Bruxo, nado en O Seixo hai 76 anos. Torrado aprendeu a curar con plantas e coas mans en viaxes por China, a India, Xapón e distintos países africanos. É un saber milenario, recolleito nos libros da súa espléndida colección. O de o Bruxo venlle de cando recuperou dunha lesión a Emiliano, o gran xogador de baloncesto, e José María Íñigo levounos aos dous ao programa que facía en TVE. Para eloxiar a Torrado, Emiliano dixo: Éste es un brujo, Torrado respondeulle: Un brujo no, un bruxo. E o bruxo quedoulle.

Aquel atleta que no ano 1957 fora campeón de España dos 400 metros lisos, está gordo coma un cebolo; de aí que na homenaxe que se lle fixo no 2009, na Feira do Mel de Pontevedra, tivesen que entregarlle 88 frascos para igualar os 120 quilos que pesa. Os pontevedreses recoñeceron con mel o labor deste naturópata que leva cincoenta anos curando lesións dos grandes deportistas do mundo, algo que, lamentablemente, non fixemos os seus paisanos de Ferrol, cando coidaba dos xogadores do OAR e a Ferrol viñan figuras do deporte de España e de Europa para se poñer nas súas mans. Torrado foi a sete olimpiadas para atender aos atletas españoles, sempre de tapadillo, porque o seu saber bate co da medicina convencional.

Pero o labor realizado non se pode ocultar e recentemente o goberno premiouno coa Medalla ao Mérito no Traballo.

Torrado é xenerosísimo. Son incontabeis os pacientes que atendeu sen cobrarlles un patacón, mesmo o presidente Fraga, durante 16 anos, máis de 12.000 horas. Di Torrado: ¡O que sabe ese home! Eu trocáballe masaxes por coñecementos, e estar con el foi como ir á Universidade. Tamén regalou coñecemento aos axudantes, e en Ferrol aprendeulles ao pequeno dos Montoya, que foi, ata que morreu, masaxista do Dépor; a Bermúdez Pie duro, e a Tosi, que eu recorde.

sirolopezlorenzo@yahoo.es

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

Oficios á marxe