Escaravellos e piollos

POR SIRO

FERROL

25 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Debeu de ser unha mañán do ano 1950 cando, ao saír de casa para a escola, descubrín que todo Ferrol estaba cheo duns insectos semellantes aos arrenréns, pero máis grandes e con traxe a raias, coma os chaleques que lles poñían aos maiordomos no TBO. Eran tantos que en cada pedra da rúa san Fernando podía haber unha ducia e resultaba imposible camiñar sen pisalos. Excuso dicir que os rapaces, coa crueldade propia da infancia, nos adicamos todo o día a esmagalos, vendo como as pedras se tinguían dun líquido amarelo. Tamén nas mans nos deixaban un regueiro da mesma cor cando os colliamos para velos de perto. Ninguén, nin sequera os veciños que viñeran do concello de Monfero, que eran moitos, coñecían aquel bicho tan bonito.

Pero axiña soubemos que se trataba do temible escaravello da pataca, cando se puxo a devorar as plantas nas pequenas terras de cultivo que había arredor da cidade. A xente tívoo claro: «Foron os americanos que os botaron pola noite desde os avións para vendernos os insecticidas».

Non era a primeira vez que se acusaba aos americanos de facer tal tropelía. Durante a Segunda Guerra Mundial foron os dirixentes nazis quenes denunciaron que avións estadounidenses inzaran de escarabellos os seus campos; e, rematada a contenda, no 1950, faríano as autoridades rusas cando a metade dos patacais foran infectados polo insecto na zona alemana que eles ocupaban. No 1948 o diario El Pueblo Gallego reproducía unha información do xornal alemán Neue Presse, na que se dicía que avións que voaban a baixa altura deixaran caer caixas con escaravellos da pataca nas provincias do norte de Alemania, na Baixa Saxonia, no norte do Rhin e Westfalia.

O certo é que o escaravello chegou a Europa desde os EE.UU. e que nos anos vinte arrasou Francia, que non soubo combatelo. Fixérono, e moi ben, os alemáns, que no 1938 conseguiron erradicalo. Tamén en España puido controlarse ata que comezou a Guerra Civil. Pero xa no ano 1943 a Deputacion Foral e Provincial de Álava se dirixía aos alcaldes para que fixesen cumprir as normas do Plan de lucha contra el escarabajo de la patata, elaborado pola Dirección de Agricultura e Gandeiría. Mesmo se pedía a colaboración de curas e mestres, pola ascendencia que tiñan sobre os labregos, aos que, ademais, se lles ofrecía unha posible recompensa económica.

De xeito que no ano 1950 o escarabello da pataca era descoñecido en Ferrol e en toda Galicia, porque entrara polos Pirineos e debeu de atopar patacais abondo no camiño para non seguir a viaxe en contra do vento. Pero cando viñeron deberon de vir todos, porque no Campo das Burras, entre o Hospital de Mariña e a rúa da Muralla, hóuboos moito tempo a moreas.

Tamén moitos anos despois, ao reaparecer os piollos nos colexios de Ferrol, se dixo que era cousa dos americanos. Os americanos fixeron, dentro e fóra dos EE.UU., cousas moitísimo peores, pero non parece que andivesen con escaravellos e piollos.

Suxírolles que vexan en Internet un vídeo tan didáctico como divertido, titulado El escarabajo de la patata, que Francisco González de la Riva y Vidiela, Marqués de Villa Alcázar, fixo no ano 1945.

sirolopezlorenzo@yahoo.es