Necesario pero díficil

Ramón Yáñez

FERROL

Acontinuidade da economía global nunha crise tan fonda como a que estamos a vivir reflíctese en baixas taxas de crecemento do produto bruto mundial. Existe unha correlación indubidable entre a taxa de crecemento do produto bruto e o tráfico marítimo mundial que está a rexistrar unha caída moi importante da demanda e do prezo dos fretes. Nestas circunstancias os armadores, especialmente os de buques de elevado custo de fabricación, como é o caso dos gaseiros, tenden a alongar a vida das unidades en operación, aumentando a demanda de reparacións. En tanto se prolongue a permanencia na crise da economía mundial, e non dubiden que vai para longo, a demanda de reparacións vai continuar nos niveis actuais e mesmo aumentar. Navantia Ferrol-Fene está ben situada e conta con experiencia e acreditada calidade na reparación de gaseiros como proban as elevadas taxas de actividade neste eido e os contratos asinados con grandes operadores mundiais especializados neste tráfico.

A crise ten sobre Navantia un efecto duplo. Por unha banda, actúa negativamente sobre a carteira de pedimentos de construcións militares levando súa taxa de reposición a mínimos históricos, e pola outra aumenta a demanda da actividade de reparacións e transformacións de unidades civís. En consecuencia, é imprescindible non só manter o actual nivel de contratos de reparacións, senón aumentalo mediante a construción dun dique flotante, tendo en conta que non se pode ignorar a limitación do 20% de importe da obra militar contratada, tal e como asinaron empresa, administración e os sindicatos CC.?OO. e UGT coa UE nos acordos de 2004.

Pero unha cousa é a utilidade deste investimento, e outra moi diferente cómo se financia. Aí está o nó da cuestión. A alternativa dos sindicatos parece ser a que a nova unidade fora un activo máis da empresa. Téñense pronunciado no sentido de que o estaleiro constrúa o dique, proporcionando carga de traballo, e que despois sexa explotado pola empresa. Esta alternativa ten problemas porque a situación patrimonial de Navantia é delicada. As perdas dos exercicios pasados foron comendo os recursos propios da empresa e na actualidade non conta con fondos de seu para acometer un investimento que acadaría un importe duns 100 millóns de euros.

O recurso a fondos procedentes do estado sería imposible por mor dos acordos asinados por CC.OO.? e UGT coa empresa e a UE, se facemos caso á resposta que deu no pasado verán a ministra Salgado no parlamento español, a un requirimento do BNG. O recurso a créditos bancarios ou ao leasing non sería doado polo elevado endebedamento que a empresa mantén a día de hoxe. Na hipótese de que se conseguira sería a un custo elevado que sería difícil soportar. É doado entender que pedir diñeiro a prezos elevados, como está hoxe, implica a súa utilización a unha rendibilidade maior, para poder pagar os xuros e devolver o préstamo sen incorrer en perdas.

Quedaría outra alternativa, non exenta de dificultades. A da creación dun consorcio público privado. Por unha banda, non creo que sexa de agrado dos sindicatos, pola outra requiriría unha participación importante de fondos dos socios privados que non sei onde se atoparían.

Estas aportacións poderían diminuír pola vía do financiamento externo pero estaríamos outra volta nas limitacións de rendibilidade xa comentadas.

Lamento emitir opinións tan pouco alentadoras, pero co estado actual das cousas é o que alcanzo a ver. De todos xeitos, o difícil non é imposible e cómpre mobilizármonos. Os gobernos teñen que escoitar a nosa voz, que debe soar alta, clara e rotunda na esixencia dun futuro para Navantia e toda Ferrolterra.