«En Galicia hay concellos que non poden manter os servicios básicos e iso é insostible»

antón bruquetas NARÓN / LA VOZ

FERROL

José Manuel Blanco (Ferrol, 1952) cumpriu os primeiros cen días á fronte do Concello de Narón neste novo mandato. Un tempo no que, defende, «o goberno local non estivo parado», senón que «continuou co traballo que viña facendo nos pasados catro anos». Tamén asegura que a entrada do BNG no executivo local permitirá «ter máis estabilidade» e anuncia que «veñen tempos difíciles, nos que a xente debe asumir os recortes». Nas súas verbas asoma o carácter dunha persoa reflexiva, pero de quen defende con paixón os seus convencementos.

-¿Novo mandato, novas ilusions?

-A verdade é que os resultados electorais significaron un respaldo moi importante ao grupo de goberno, porque conseguimos vencer a subida xeralizada do PP e, ademais, sentimos que os veciños de Narón entenderan que o traballo dos últimos anos era froito dun equipo e non só dunha persoa que foi alcalde desta cidade durante moito tempo. Convertirnos na lista máis votada obríganos a dar o mellor de nós nestes tempos tan complicados.

-A gran novidade é que gobernarán nun tripartito. ¿Por que tardaron tanto en incorporar ao BNG?

-Penso que a entrada do BNG é fundamental para dar estabilidade ao goberno. E non penso que se tardou moito en cerrar o pacto. Hai que darse conta de que os meses de xullo e agosto so serviron para conformar a estrutura política do Concello e na primeira semana de setembro xa se pechou o acordo.

-O PP criticou certa parálise durante ese tempo que duraron as negociacions cos nacionalistas...

-Non é certo. Ao longo dos primeiros cen días adxudicamos actuacións do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, contratouse a senda litoral entre Valdoviño e Ferrol, negociouse a xestión dos comedores escolares e a construción do futuro colexio do Alto, as expropiacións do centro de saúde, o saneamento de Castro-Barreiros... Seguimos traballando do mesmo xeito co viñamos facendo no anterior mandato.

-A pasada semana pedíronlle aos populares que intercedan ante a Xunta para que «teña un mellor trato con Narón». ¿A que se referían con esas verbas?

-Creo que por riba das cores políticas deben primar os intereses dos veciños de Narón. E penso que a Xunta debería tratar a este Concello con máis respecto. Non escoita, lle pese a quen lle pese, á oitava cidade de Galicia. Non é de recibo que teña pedido dende o ano pasado unha entrevista, por exemplo, coa conselleira de Sanidade para falar do novo convenio para a construción do centro de saúde, ou co conselleiro de Infraestruturas para outras cuestións. Deberían ter máis tacto cos veciños deste municipio. Así de sinxelo. E iso é o que lle pedimos ao PP, que defenda estes intereses.

-¿Cales serán as liñas mestras do goberno tripartito?

-Son as que están recollidas no pacto. E que tamén estaban nos programas dos outros dous partidos que conforman o goberno: apoio á dependencia, a todo oque ten que ver cos maiores e coa infancia. E prestar atención preferencial á cultura e ao deporte. Temos claro que en temas que afecten ao conxunto de Galicia ou de España podemos estar en desacordo, pero nos asuntos locais faremos unha piña.

-Xa avanzou que haberá recortes...

-É que nesta situación todo o mundo ten que asumir que haberá recortes económicos. A aportación do Estado disminuiuse nun 10%, o que significan 500.000 euros menos este ano. Pero é que ademais temos que devolver parte das aportacións que fixo Madrid, porque non fixeron ben os cálculos e déronnos máis cartos dos que debían.

-¿E onde se notarán máis?

-Nas inversións e nas subvencións que antes concediamos ás asociacións e ás entidades deportivas. Pode que teñamos que renunciar a parte dos espectáculos culturais que programábamos. Estamos a valorar a situación en profundidade, pero xa digo que non son bos tempos.

O alcalde de Narón considera que a difícil situación económica que está a atravesar España pon de manifesto que «deben explorarse fórmulas para aforrar cartos na Administración».

-¿Pensa que con este panorama sobran concellos en Galicia?

-Agora hai concellos que non poden manter os servizos básicos e iso é insostible. Penso que algúns tiñan que desaparecer, pero se pechase algunha administración sería as deputacións, porque a Xunta podería asumir de forma sinxela as súas competencias.

-Outra fórmula é mancomunar servizos...

-E neste camiño estamos a traballar, pero o que sucedeu nesta comarca é que a cabeceira, Ferrol, sempre puxo como condición mancomunar os servizos cando lle son deficitarios. ¿Por que non mancomunamos a auga, por exemplo? Ten que ser beneficioso para todo o mundo e non so para Ferrol.

«Nesta situación todo o mundo ten que asumir que haberá recortes económicos»