Os máis dos homes e mulleres da miña idade a quen se pregunte en España polo apelido Strauss relacionarémolo coa coñecida familia de músicos vieneses, e sen embargo o Strauss presente nas nosas vidas foi o estafador holandés que, cos seus paisanos e cómplices Perel e Lowann, inventou unha ruleta trucada á que deron o nome Straperlo, formado coas primeiras letras dos tres apelidos. Despois de sobornar a varios membros do Goberno conseguiron instalala, no 1934, no casino de San Sebastián, pero cando a policía a retirou, descubriuse a corrupción política, e o escándalo foi unha das causas do fin da República e do comezo da Guerra Civil.
Na posguerra chamouse estraperlo ao comercio ilegal dos alimentos racionados e despois, por extensión, a calquera forma de venda clandestina. Houbo quen se fixo rico co estraperlo, e houbo estraperlistas que non deixaron de malvivir, e o único herdo que deixaron á familia foi o alias. En Ferrol hai varias.
O estraperlo aguilloou o enxeño da xente e apareceron os pícaros que vendían aos tendeiros botellas de aceite da ración, que de aceite só tiñan o pescozo da botella, que todo o demais era auga. E o mesmo pasaba cos cartuchos de azucre, cheos de serrín e algún azucre na boca.
Nos anos cincoenta algúns estraperlistas eran suboficiais de Mariña que traían do estranxeiro ou de Canarias productos escasos e caros na península. O meu primeiro reloxio -un Cauny Prima máis pequeno que os dos adultos- regaláronmo meus pais cando aprobei o ingreso no bacharelato, e mercáronllo a un suboficial que vivía no cadro de Esteiro.
Pero houbo unha estraperlista atípica que, sen dúbida, recordarán moitos veciños da rúa do Cárcere, en Ferrol Vello; unha muller pequeniña e miúda, de carácter forte e alma tenra, chamada Maruxa Ochoa. Aínda non cumprira quince anos candao casara con Julián Arribe, de quen se divorciou un ano despois, en canto chegou a República. De segundas casou con Jaime Domenech, cociñeiro do Juan Sebastián Elcano, quen volvía de cada viaxe cargado de conxuntos de xersei e chaqueta como os que Marilyn Monroe lucía en Niágara. A muller vendíaos ás veciñas, pero as máis das veces non os cobraba. Maruxa era o que se di «unha mans abertas», que daba de comer á xente necesitada e despois de deixar o ruinoso negocio do estraperlo seguiu agasallando ás amigas con batas de casa e outras prendas que mercaba en Confecciones Elías, a carón da confitería de Carmiña. Cando morreu, a familia tivo que pagar trescentas mil pesetas dos anos setenta, de débedas que a súa xenerosidade a levara a contraer en distintos comercios.
En realidade Maruxa non deixara o negocio do estraperlo porque resultase ruinoso, que eso a ela tanto lle tiña, senón por quedar viúva. A mediados dos cincuenta pasaban o verán en Perbes e dispúñanse a ir á verbena, cando o bo de Jaime Domenech sufriu un infarto e morreu. Daquela traer un morto de Perbes a Ferrol obrigaba á familia a pagar os dereitos de estola en cada parroquia pola que pasaba, e para evitalo, Maruxa pediu aos músicos da orquestra Lamas Lapiña, que amenizaba as festas, que trouxesen o home, envolto nun colchón, enriba do coche, con todos os instrumentos.
Eran tempos de moita solidariedade, e por iso, aínda que pareza incrible, trouxérono.
sirolopezlorenzo@yahoo.es