Un Antroido devaluado

por siro

FERROL

13 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antroido diciamos en Ferrol, aínda que máis atinado fose Entroido; pero así chamaban a estas festas nas parroquias e concellos de toda a volta e as moitas familias chegadas de A Capela, Monfero, Aranga, etc. Aos nenos dos anos cincuenta tanto nos tiña dicir Antroido como Carnaval.

Pero no Ferrol da miña infancia o Antroido era unha festa devaluada, allea á tradicional burla ao poder e aos poderosos, que foi a razón de ser deste tempo de sana tolería. Nada de testamento do burro para denunciar, entre risas, as cacicadas do ano; nada de queimar o Meco, e con el todo o malo que o ano trouxera; nada de venerar a Momo, o deus da farsa; porque no franquismo non había cacicadas, nin sucedía nada malo, nin había máis Deus que un, e ese non ría.

Da prohibición total nos primeiros anos do Réxime, pasárase á tolerancia dunha festa controlada, na que as autoridades buscaron o xeito de mirar a outro lado, sen comprometerse. E así, o Carnaval de Santa Cruz de Tenerife, o máis importante de Europa, declarado de interese turístico internacional no ano 1980, empezou a promocionarse no 1962, cando se permitiu co nome de Fiestas de invierno.

En Ferrol nada quedaba daqueles bailes de Antroido que antes da guerra se celebraban no teatro Jofre, nun ambiente irreverente de troula e de burla, chamados por eso bailes de tranca.

Nas décadas dos cincuenta e sesenta os bailes de Carnaval nada tiñan de populares, que se facían no Casino, no Círculo Mercantil e no Tenis Club. Os que non tiñan acceso a estas sociedades podían ir ao Círculo Mercantil de Xubia, aberto a quen poidese pagar a entrada.

En Ferrol non había desfiles, nin comparsas, nin murgas, que só os nenos podiamos andar pola rúa coas caras tapadas. E nós disfrazabámonos con roupa vella dos maiores e mercabamos unhas caretas sinxelas, de cartón fino, que representaban personaxes medoñentos do cine, como o pirata barbudo de parche no ollo, Fu-Man-Chu, o conde Drácula, a calivera da Morte, ou personaxes cómicos como Charlot, o Gordo e o Flaco, ou Cantinflas, que estaba no cumio da popularidade. Por certo, mal podería imaxinar Mario Moreno que aqueles pantalóns ridículos que creara para o seu personaxe cómico, tan baixos que deixaban ver a regaña, ían estar de moda entre mozos e mozas, hai un par de anos, en dura competencia cos pantalóns coa potra polos xeonllos, que moi ben poderían anunciarse como de cu cagado.

O Antroido era nos máis dos fogares unha festa gastronómica na que se tiraba a casa pola ventá. Ademais do cocido había que facer as larpeiradas propias da celebración, e varios días antes empezaba a gardarse o pan sobrante, para facer as torrixas, e aos nenos non nos daba chegado o momento de axudar ás nais a gramar a masa para as filloas e as orellas. Aquela mesa do comedor coa fonte dun cocido cumprido, no que o cocho estaba presente desde o fuciño ao rabo; aquelas fontes de freixós que eu comía recheos de azucre, ou de tona do leite, ou de mel; aquelas torrixas pringosas de azucre, que arrecendían a canela e anís; aquelas orellas amplas, retortas e tan finas que se crebaban camiño da boca; son para min o mellor recordo para ir, nunha viaxe nostálxica, en procura do tempo perdido.

sirolopezlorenzo@yahoo.es