Perruquerías de señora (I)

por siro

FERROL

06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos anos cincoenta os barbeiros de Ferrol non esquecían as gravatas para ter un toque de elegancia, e os barbeiros das aldeas non esquecían os zocos para combatir o frío. Pero todos facían outros servizos ademáis de rapar pelos e barbas, que tamén abrían os foronchos coa navalla e quitaban as verrugas valéndose dun fío.

En Ferrol as mulleres tardaron en traballar nas perruquerías de cabaleiros, pero nos anos cincoenta había algunhas boas profesionais en Viveiro e en Corcubión. Sen embargo as primeiras perruquerías de señoras da cidade foron de homes: a do Fígaro, que atendía a señoras e a cabaleiros; a de Juanillo, na rúa Real, perto de Capitanía; a de Celestino, na rúa Dolores; onde tamén estivo anos despois a de Tito, que levaba o nome de Gerard Antoine. Tito aprendera coa nai, a señora Balbina, que exercía nas Casas Baratas. Era pequeno e feo, pero tiña sona de Tenorio. Seica fora a Ceuta e viñera casado cunha muller guapísima.

Perruqueira tan famosa como guapa foi Marujita, que primeiro estivo en Esteiro, na rúa de Ánimas, e despois na rúa da Igrexa. Casara con Eizaguirre, o xogador do Racing. Metera na profesión ás irmás, Finita e Amelia, pero só seguiu Finita, que montou a perruquería Rizos, na rúa Galiano.

Outra perruqueira moi coñecida e moi guapa foi Marujita Lugilde, que aprendera no Fígaro e instalouse na rúa Real, primeiro á altura do comercio de chapeos de Monzón, e despois perto da praza de España. Con ela traballou Esperancita, a muller de Tardanzas, outra beleza. Tivo un lote de fillos, pero aos dous días de parir xa estaba como unha sílfide. Aínda hoxe dá gloria vela.

Onde estivera Juanillo púxose despois Castillo, con perruquería mixta. Na rúa Real, perto de Amboaxe, estaba Víctor Torrella; na Magdalena, ao lado de Casiano, a de Rafael; e na praza de Armas, Carlos, o fillo de Capotillo, o de La Higiénica. En Ferrol Vello estaban as de Ochoa e Felicitas, na rúa do Cárcere; e as de Marinita e Maricha Becerra, na rúa da Merced. Polo Inferniño houbo varias: a de Rafael Durán, por onde o Peña Racing; nas Casas de Cachaza, a de Mary, casada cun músico do exército, altísimo; e a de Lola, unha cubana, tía de María Manuela.

O do culto á imaxe, os caprichos da moda e a variedade no corte de pelo soáballes a música celestial á maioría das mulleres ferrolanas dos anos cincoenta. Moitas daquelas amas de casa que pasaban as horas do día cociñando, lavando e planchando a roupa, e zurcindo calcetíns cun ovo de madeira dentro, non entraron xamais nunha perruquería.

Remataban os anos sesenta cando unha muller que ía ser madriña de voda, foi por primeira vez a unha perruquería. Estivo calada, ollando todo cos ollos como pratos, e cando lle dixeron que lle ían lavar a cabeza, foi cabo do aparello e, na vez de sentar, entroulle de fronte, axoenllouse no asento e dobrou o espiñazo para meter a cabeza no lavador. Talmente como faría na casa. Como a ela poderíalles pasar a moitas. A perruquería de señoras era un luxo de poucas.

sirolopezlorenzo@yahoo.es