O teatro Jofre (I)

POR SIRO?

FERROL

Aos catro ou cinco anos eu estaba certo de que o teatro Jofre era o edificio máis fermoso do mundo.

Admiraba todo, pero nada me gorentaba tanto como a pintura do teito. Rompía a cabeza pensando como poderían pintar aquel anaco de ceo no que dúas donas tocaban a arpa e danzaban semi espidas, entre anxiños gordechos e xoguetóns.

Pasaron moitísimos anos e sei que o teatro Jofre non é o edificio máis fermoso do mundo, pero segue gustándome moitísimo.

O propietario, Isaac Fraga, dono dos máis importantes teatros de Galicia, empregara como decorador ao pintor ferrolán Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, que leva o nome do empresario por ser o seu afillado. De Camilo Díaz Baliño é o deseño do precioso documento que ilustra este artigo.

O primeiro xerente do teatro Jofre foi don Pedro Castro, e despois o seu fillo, Cholo Castro, gran coleccionista de selos e moi xogantín.

Contábase que nunha timba perdera un álbum de selos e que pouco despois o No Do dera a nova de que fora vendido a un americano por unha cantidade elevadísima. Durante moito tempo Isaac Fraga confiou a administración do Jofre ao seu sobriño Benigno Tomás Fraga, que se afixo tan ben en Ferrol, que construiu un chalé en Valdoviño.

Nos primeiros recordos do Jofre estou cos meus pais, en tertulia, onde o acomodador era Norberto, un veciño de Esteiro que puxo tenda de comestibeis no Cadro de Abaixo, a carón da fonte.

Ao galiñeiro

Despois, xa cos meus amigos, véxome subindo os infinitos escanos que levaban ao galiñeiro e que nos deixaban sen alento. Un día -non lembro por que- invitaron a un festival aos vellos do asilo, pero leváronos ao galiñeiro.

Non consta que morrese ningún na ascensión, pero era cousa de velos semiafogados, procurando alento en cada descanso.

De rapazolo, cando empecei a mocear, baixei a butaca, e deses anos son boa parte dos meus mellores recordos. Porque ademais dos primeiros aloumiños amorosos, ao amparo da escuridade e do ambiente romántico das películas, descubrín a maxia do teatro e o engado da revista musical.

No Jofre vin a moitos actores e actrices admirabeis -agora venme á memoria Amelia de la Torre nunha interpretación maxistral en La casa de los siete balcones, de Alejandro Casona-, pero síntome privilexiado por asistir á representación dunha obra titulada Aprobado en inocencia, escrita, interpretada e dirixida por un xove de vintecatro anos, case descoñecido en España, que se chamaba Narciso Ibáñez Serrador.

A fórmula beleza feminina, máis música lixeira e pegadiza, máis comicidade engaioloume e no Jofre descubrín que Lolita Sevilla, ademais de interpretar de marabilla aquel Cántame un pasodoble español, que para ela compuxera Tony Leblanc, tiña moi fermosas pernas e movíaas con xeito cando exercía de vedette na pasarela.

E os mesmos encantos admirei en Esperanza Roig, Queta Claver, Conchita Velasco?

Tony Leblanc

Rin a cachón co talento de Tony Leblanc, cando veu formando compañía con Antonio Casal, Juanito Navarro e Julio Riscal, nun espectáculo hilarante. Rin con Zori, Santos e Codeso, primeiro, e con Zori e Santos despois. Pero gardo un recordo moi especial do cómico catalán Casen -protagonista de Plácido, a película de Berlanga-cando veu ao Jofre cunha excelente compañía de revistas, na que a alemana Katia Loritz era a súpervedette.

Casen e Katia Loritz coincidiran, no 1962, na película Atraco a las tres, de José María Forqué, e pouco despois viñeron coa revista.

Eu tiña a entrada desde varios días antes, pero unha gripe tumboume na cama, con febre. Aínda así, desatendín os consellos da familia e acudín moi abrigado ao teatro.

Casen

Casen -que en realidad se chamaba Casto Sendra, aínda que el dicía que o de Casto era broma- estivo divertidísimo e Katia Loritz belísima. Rin e suei tanto, que ao saír do teatro desapareceran todos os síntomas da gripe.

Teño pensado moitas veces naquela vivenza e nunca me quedou claro se curei co enxeño de Casen ou coa beleza de Katia.