Primavera, Verán, Outono e Inverno son ou eran ata agora as catro estacións, catro partes do ano ben diferenciadas pola escuridade e luz características de cada unha delas. De aí o maior ou menor calor, frío, vento, choiva, humidade e outros meteoros que inflúen nos ritmos das terras e das xentes. Agricultores e mariñeiros están tan pendentes do tempo durante a semana como os viláns cando chega o finde: a colleita, o marisqueo ou o día de praia dependen das veleidades da atmosfera, o que explica a atención con que se segue o tempo, sexa na tele, no xornal, na radio ou na parola casual dentro dun ascensor. Máis nunhas terras como as nosas, nas que se cruzan dous mares, mil ríos e o demo e a cartografía sabe cantos montes. Aquí fálase do tempo a diario pola mesma razón que na Mancha poderán pasar semanas sen tocar o tema, o ritmo de cambios marca a frecuencia da parola. Certo é que hai outras terras menos favorecidas pola climatoloxía (coido que era británico quen dixo que aquel ano o verán cadrara en xoves) ademais que esta pode estar a cambiar. Xa se sabe que a meteoroloxía estuda os cambios breves e a climatoloxía os que mudan en décadas ou séculos; como tamén que os expertos do Panel Internacional para o Cambio Climático nomeados pola ONU alertan de que estamos a vivir un cambio fomentado polas actividades humanas. O último informe, publicado en 2007, vaticina un aumento de episodios extremos como secas ou choivas intensas e, polo que se ve, os feitos parecen confirmalo. No informe de 2007, Meteogalicia sinala ese outono como o máis seco dos últimos 50 anos, e neste setembro de 2010 choveu menos que nos últimos 31 anos. Certo que se debe observar os cambios dos datos en períodos amplos, tan certo como que debemos desconfiar da memoria persoal, demasiado caprichosa nas lembranzas, pero un ten que se Antonio Vivaldi vivira hoxe entre nós dubidaría escribir As catro estacións. ¿Serían, catro, tres, dúas ou unha con matices? ¿Deberemos falar de Inverán ou Outovera?