Imaxinen unha pizza de polbo e churros. ¿Parécelles orixinal? ¿Sóalles extravagante? ¿Resúltalles un mal exemplo desa cociña de autor que inventa cousas como a deconstrución de tortilla de patacas? Poderá ser o que vostedes queiran; pero é tamén o que lle parecía ulir a un amigo meu, Agustín Martínez, o sábado pola tarde, mentres dabamos un paseo pola alameda de Mondoñedo, que xa comezaba a ter ambiente sanluqueiro.
Aínda que fará falta unha opinión máis fundada ca a do arriba asinante para establecer se se pode facer unha pizza como a que semellaba ulir o meu amigo, calquera poderá aceptar que o resultado sería como mínimo curioso e cheo de contrastes. Se cadra, levando o exemplo fóra do gastronómico, ese é un dos elementos das San Lucas, que en poucos metros permite comprar algo no top manta ou preguntar o prezo dun coitelo de Taramundi, parar diante dun posto que ofrece castañas ou coñecer a oferta de paraugas dun vendedor estranxeiro.
Se pasamos dos obxectos ás persoas, tamén se pode atopar contraste entre os que veñen á feira o 18 cumprindo unha tradición que oxalá non se perda nunca e os que aproveitan a fin de semana para facer as noites máis longas, do mesmo xeito que o ambiente que tiña Mondoñedo antonte non será o mesmo ca o que se poderá atopar nunha tarde de domingo de novembro. Pero As San Lucas son tan grandes que dan cabida a todo iso e moito máis: por exemplo, poucos centros de metros chegan para pasar do rebumbio das festas ao silencio que semella máis habitual en Mondoñedo.
Cada un pode atopar máis ou menos o que sabe que vai atopar ou sorprenderse ao descubrir algo que non puidera imaxinar. Oito séculos e medio de ferias valen para que os anos e as novidades se vaian superpoñendo sen que os cambios non semellen estridentes senón máis ben evolución lóxica. Mesmo poden servir para que alguén, na súa casa, decida preparar unha pizza con polbo e churros para ver se o resultado paga a pena ou máis vale esquecelo. Se triunfa a primeira opción, haberá que recoñecer que As San Lucas son curiosas ata na fusión de sabores. Se gaña a segunda, nas feiras de Mondoñedo sempre se pode comer polbo e comprar churros para marchar á casa con bo sabor de boca.