Coidado coa costa

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

23 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O litoral comarcal é recoñecido como un dos máis atractivos de Galicia. A sucesión de cabos, praias, lagoas litorais, dunas, humidais, furnas, coídos, portos naturais, illas, campos costeiros, xunto cunha edificación razoablemente respectuosa coa paisaxe son atributos que explican o por que da inclusión da franxa costeira que vai de Prioriño á Serra da Capelada. rede europea Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario Costa Ártabra, polo conxunto de hábitats prioritarios para unha flora e fauna de gran interese científico e paisaxístico. A que se debe o aceptable grao de conservación dun litoral tan próximo aos núcleos urbanos da ría de Ferrol? Sen dúbida a existencia de terreos en man común coma os Montes de San Xurxo, e As Cabazas-Marmadeiro en Covas, sumado as actividades e instalacións militares ata hai poucos anos, e, importante factor, que Ferrol foi unha das primeiras cidades de Galicia en dotarse dunhas regulacións urbanísticas que impediron a proliferación excesiva de construcións que afean á maior parte da costa galega. A situación hoxe é tan boa como claramente mellorable, especialmente no capítulo de servizos nas praias como accesos sinalizados, estacionamentos a distancia razoable dos areais e instalacións desmontables de baixo impacto.

Pero o futuro pide coidado con intervencións que podan desmerecer este escenario, como a insistencia dos responsables de Costas en construír ramplas ríxidas de acceso ás praias que un ano tras outro deben ser repostas pola acción dos temporais. Outra é o anunciado proxecto de dar acceso a dúas dás tres praias de Narón: mentres que Campelo é un areal tan pequeno coma fermoso, as praias de O Casal e Lopesa deberían seguir como están, inaccesibles ao público. Ambas están ao pe de altos cantís de moi difícil acceso e altamente inestables, onde son probables desprendementos coma o ocorrido na veciña Ponzos. Hai praias de abondo na comarca como para tentar a sorte permitindo a visita a lugares de alto risco.