Un programa de radio

POR SIRO?

FERROL

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:01 h.

Don Jesús e dona Carme, os meus primeiros escolantes, eran boa xente e tiñan bo humor. Tamén era boa a señora Genoveva, a nai da mestra, pero andaba sempre enrabechada, rosmando en galego -que non falaba chisco de castelán- porque os nenos non deixabamos de ir ao retrete ou á cociña, a beber auga. Era unha velliña de pelo branco, atado atrás nun moño pequeno; unha muller limpísima, que nunca nos daba de beber sen enxaugar ben enxaugado o vaso para que non beberamos as babas do anterior. Un dos disgustos da súa vida tívoo cando Lito -un rapaz da Porta de Caranza- levou na carteira de loniña un bocadillo de bacallaos fritidos, tan pringados de aceite, que o piso de madeira inmaculada, fregada a diario con auga, xabrón e area, quedou impregnado para sempre coa merenda. Supoño que Lito levaría toda a vida aquela mancha na conciencia.

As tardes dos xoves escoitabamos a radio, un aparello máxico para moitos de nós, que nin sequera o tiñamos na casa. Por iso cando alguén nos dixo que en Radio Ferrol -emisora da Red de Emisoras del Movimiento- estaban a facer un programa infantil-xuvenil, no que nenos e rapaces podían ser espectadores ou participantes nun concurso de canto, alá fomos Alberto e Arturito, dispostos a aplaudir, e Pepe Romero e eu dispostos a facer gorgoritos.

A emisora estaba nun terceiro piso da rúa Real, entre o café Suízo e a confitería Ramos, e aínda que as instalacións non eran ningunha marabilla, nós seguimos engaiolados na maxia das ondas. O programa dirixíao Yayo de la Vega e empezaba cunha sintonía cantada por unha voz gangosa e divertida, que anunciaba nun pareado:

Mi abuelo era un conejo,

viejo, muy viejo, reviejo?

Despois un grupo de actores e actrices interpretaba un texto inxenuo e cómico, protagonizado por animais que están en todas as literaturas populares: o irmán Raposo, o irmán Lobo, o irmán Oso, o irmán León, a irmá Oca e a irmá Galiña. Os actores eran Yayo de la Vega, empregado de Banesto que seguiu colaborando coa COPE durante moitos anos; Benito Vázquez -piloto mercante que se adicaría profesionalmente á radio cando sufriu, en plena navegación unha apendicite e salvouse pola axuda recibida grazas a este medio-, Vicentón, coñecido xornalista deportivo, e Parrita, un representante de farmacia, que anos despois acadaría sona de Tenorio e que logo dunha aventura desafortunada fuxiu de Ferrol e nunca máis volveu. As actrices eran as locutoras da emisora: Pili, que casaría con Vicentón, e Loli. No control estaba Andrés París, sempre nervioso, renegando contra os aparellos e contra as improvisacións.

E despois do conto viña o canto. Pepe Romero, Pepucho facía virguerías en cada interpretación, e o mesmo entoaba un chotis que un tango ou unha copla. Monso Miño, o seu curmán, cantaba jotas aragonesas con tanta potencia que había que poñelo coas costas pegadas á parede do fondo, para que non rebentase o micrófono. Oíndoo enterámonos -porque o repetiu moitas veces- de que tiña un irmán no Tercio, outro en Regulares e o irmán máis novo preso en Alcalá de Henares. Eu non llos coñecín, pero si a irmá e o tío Loluco, que andaba coa axuda de muletas, sempre rindo, sempre de bo xorne. Monso non o dixo en ningunha jota, pero tiña unha nai que cociñaba estupendamente e un pai que valoraba e agradecía tanta sabedoría culinaria. Moitos anos despois, cando o pai estaba na Secretaría de Maquinaria, en Bazán, e eu na Oficina Técnica, vino chamar decote á muller, á media mañá, para preguntarlle que estaba a facer de xantar; e despois de celebrar con entusiasmo o acerto, soía suxerirlle algunha delicatessen como: «No te olvides de los pimientitos».

Outro excelente cantor era Santi, o sobriño do cura Fanego; pero tiña un repertorio curto porque sempre cantaba -de fábula, certamente- o fado Lisboa antiga ou unha canción mexicana, titulada El pecador.

Nenas que cantasen moi ben había varias, pero só lembro o nome de Toñita Celeiro, que vivía nas Casas Baratas. E entre as que asistían como público recordo unha nena lindísima e tan boa como linda e simpática, que se chamaba Sara e era filla de Salomón, o fogueteiro de Canido.

Despois houbo en Ferrol outros concursos de canto, con máis prestancia, como Salto a la fama e Ruta de Estrellas, pero aquel que arranxara Yayo de la Vega foi o primeiro despois da guerra, e cómpre recordalo.