Cidadanía

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

28 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos tempos que corren hai unha morea de datos, de documentais divulgativos recordando a quen quera prestarlles atención que a especie humana, recén chegada ao Planeta Terra, foi quen de modificar conscientemente como ningunha as condicións do seu contorno. Ollo digo modificar e non dominar, porque ese aparente control que dende a revolución industrial do XVIII os humanos exercemos sobre o medio ten máis de explotación irresponsable que de dominio sensato. Somos quen de furar montañas, extraer minerais, usar enerxías distintas da solar -tanto as non renovables como as fósiles e a nuclear como as que si o son, como a hidráulica ou a eólica- producir innumerables productos, curar máis doenzas, ou crear tan complexos sistemas económicos que os expertos so alcanzan a explicar a touro pasado.?Esa sensación de dominio ven dunha capacidade neuronal que nos permite algo vedado, que saibamos, ao resto das especies: pensar no futuro, no que está por vir. Pero esa singular capacidade está lonxe da perfección. Sabemos hoxe que minimizamos serios riscos dos nosos actos, por outra parte a equidade non é unha prioridade habitual, á maioría de nós preocúpase polo noso, en todo caso polo porvir dos que forman parte da nosa comunidade máis próxima e nunha orde decrecente o das persoas que están lonxe (grazas Forges por seguir poñendo o teu globo «pero acuérdate de Haití»). Certo que entre os humanos hai excelsos exemplos de altruísmo e abnegación que nos reconcilian coas evidencias de barbarie ou egoismo que nos achega a vida. Por iso é moi de agradecer toda invitación para a toma de decisións corresponsables polos cidadáns, todo intento de fomentar a cidadanía. E nesa liña parece ir esa invitación á vecindade de Ferrol a facer propostas para uns orzamentos participativos. Haberá quen o considere outro chocolate do loro, pero non se ve mal que a cidadanía decida sobre o seu chocolate.