A realidade é moi dura e acaba sempre por impoñerse. Os que traballamos nesta ría un día tras outro, coñecemos ben como está, aínda que cara afora o que destaca é o cheiro, cando nos metemos nela vemos que isto non é mais que un síntoma da súa grave enfermidade. Estásenos morrendo, con ela estamos a perder un ecosistema moi rico e diverso, que modelou a nosa forma de ser e que contribuíu ao crecemento das nosas vilas, coa morte da ría tamén perden o sustento perto de 600 familias que viven do marisqueo.
Grazas a unha combinación de recheos e vertidos sen control estamos hoxe nesta situación. Para calquera persoa razoábel, é incomprensíbel que non teñamos aínda depuradoras de augas residuais (EDAR). Que cheguen ao mar todas as augas fecais dos veciños desta ría é a causa do peche actual dun terzo da ría por zonas C (as bacterias fecais «E. coli», sobrepasan os 4.600/100 ml) . Pero o papel dos recheos é fundamental (nas Pías hai que sumar os restos da ponte aínda no fondo desde o accidente do Discoverer), xa que debido ao corte na circulación da auga que provocan, a acumulación de materia orgánica multiplícase. Ademais ao producirse o depósito sobre o fondo estamos quedando sen ría, cada vez temos menos profundidade, como ben saben todos os que traballan nela especialmente da ponte das Pías cara ao fondo. O resultado de todo isto é fácil de deducir, os bancos marisqueiros están cada vez peor. No ano 1997 a ría de Ferrol producía o 33% de toda a ameixa babosa de Galiza, hoxe non chegamos ao 10%. Ademais o peche por zona C impide comercializar en fresco o marisco procedente destes bancos, que aínda que só sexa o 40% en superficie, en produción suman mais do 60%. Ademais ao non haber marisqueo, os fondos no se removen, o que acelera o proceso de degradación, é por iso que gran parte do banco das Pías está hoxe morto. É responsabilidade da administración a construción das EDAR, tiñan que estar rematadas e funcionando hai xa máis de catro anos. Pero mentres algúns levamos moito mais tempo traballando para que se rematen dunha vez e comezar a recuperación da ría, hai quen se dedica a desviar a atención da xente facendo campañas que nada teñen que ver coa causa real do actual estado da ría, creando falsos culpábeis e facendo inocentes a quen ten a responsabilidade de recuperala. Hai moito en xogo, a ría é o sustento de moitas familias e poderían ser moitas mais de estar recuperada. Temos que esixir o remate das EDAR para comezar a recuperala, crear postos de traballo e poder disfrutar dela.