Máxico Jofre

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

A

música, o teatro, a danza son artes que poden materializarse en lugares e situacións variadas. Os espazos abertos, as rúas, pavillóns deportivos e estadios acollen concertos e outros eventos escénicos. Pero hai escenarios e escenarios: músicos e espectadores saben das calamidades acústicas de moitos locais, máis axeitados para o deporte que para a boa escoita. Para non falar doutras sevicias como a de estar de pé, as inclemencias do tempo -aínda que hoxe calquera modesto evento á intemperie conta con carpas protectoras, non hai moito que organizadores de custosos eventos institucionais escatimaban os toldos incluso para os intérpretes- ou o amoreamento humano. No lado positivo están marcos como o que brinda o Jofre. Tras da súa rehabilitación, ben excesiva no tempo pero atinada no resultado xeral, o local máis emblemático de Ferrol semella ter unha maxia especial para os intérpretes, como se puido comprobar de novo nos concertos de BM5, o quinteto de Daniel Bellón e Diego Maceiras, e do Masada String Trio. Os primeiros, presentando o seu disco Folkfusión, e os segundos, acertadamente traídos a Ferrol pola Fundación Barrié dentro do seu XV Ciclo de Jazz, viron como os espectadores agradeceron unha proposta músical tan subtil como diferente correspondendo con tres xenerosos bises.

Grato é o encontro de intérpretes de calidade e un público receptivo, grazas á disposición do Concello, responsable do teatro, e das entidades que traen unha programación de calidade durante o ano ou a divulgan, como a Asociación de Amigos do Teatro Jofre. Pero é a funcionalidade do Jofre o que repuxo a Ferrol no mapa dos circuítos escénicos do país ao ofertar tanto uns equipamentos técnicos modernos como o sabor e a solera de antigo teatro. Esta afortunada combinación explica probablemente parte do encanto que para os músicos, para os cómicos, ten actuar en Ferrol. A outra parte a explica o público, ao que hai que manter cunha oferta atractiva. Aí está o reto de futuro.