H
ai en marcha en Galicia unha silente diminución de diversidades. Algunhas son notorias e enchen portadas e artigos de opinión, coma das caixas de aforros que das varias que había hai corenta anos quedaron en dúas que van quedar no que o diaño diga, val dicir o que digan quen o bacallao corte.
Pero non é esa diversidade a que quería traer hoxe aquí. Tampouco da biodiversidade falar quixera, aínda que outro demo me leva, porque xa van para tres ou catro anos que non se sente cantar ao cuco en Ferrolterra e os ornitólogos non saben porque non oímos a este paxaro que inverna en África pero cría fillos galegos: por favor se escoitan o seu cucú chamen á radio, á prensa, teñen vostedes unha nova de alcance. A diversidade que me ven preocupando hai tempo é a da gandería e agricultura galegas, que están a vivir tempos ben difíciles. Certo que hai iniciativas pioneiras e puxantes en mundos coma o viño, os pementos ou as algas, certo que temos algunhas empresas punteiras no precociñado e na distribución de alimentos pero hai no mundo do gando unha desaparición constante de explotacións que van deixando o interior do país cada volta máis espido de xente. O prezo que reciben os produtores do leite e da carne, presionado polas importacións dos excedentes doutras partes -ollo, os agricultores franceses quéixanse da competencia do leste de Europa- voltan non rendibles as explotacións. Ferramentas terán que poñer as administracións para fixar á xuventude nunha industria, a agropecuaria, da que dependen moitas outras industrias e servizos. Unha delas é mellorar a trazabilidade para que os consumidores tamén podamos facer o noso, mercar produtos galegos. Se queremos beber leite, comer peixe, queixo, manteiga, ovos, carne, hortalizas ou pan de fariñas galegas é necesario un sistema de orixes certificadas con etiquetas claras. E a nosa decisión. Eu agora vou por leite do día.