L evo tantos anos enzoufado na defensa do patrimonio natural mariño de Galicia que xa non debería asombrarme de nada. Pero cada novo suceso contaminante déixame pasmado ou marabillado, provocándome un arroibamento alleo que indefectiblemente tráeme á cabeza aquel dito: Nada é verdade nin mentira, todo depende da «cor» do cristal con que se mira. Se non vexan vostedes os recentes sucesos da vertedura de Limodre.
Resulta que a torrenteira de xurro que escorrenta polas rochas abaixo, semella ser culpa da area que atoa o cano, posiblemente por unha pouco meditada canalización, non tendo en conta a dinámica mariña. ¡Pero non! parece que a culpa pode ser de Aquagest, empresa encargada de administrar a rede. Claro que ben podería ser culpa do polígono do Vilar do Colo, da EDAR de Chanteiro, de Augas de Galicia, da Demarcación de Costas, do BNG, do alcalde de Fene, do bipartito, de Touriño, de Feijoo ou incluso, se me apuran, de Zapatero. En conclusión, todo o mundo ten a culpa pero non é de ninguén. Porque xa saben, o caso é ter a quen botarlle a culpa.
Por iso, xa dubido se é cuestión da «cor» do cristal ou é da graduación dos lentes mentais con que se mira. Vexan vostedes, non hai moito díxenlle ao noso querido alcalde Irisarri, que tiña unha visión moi miope da realidade da ría, pero á vista destes feitos teño que rectificar: ¡a miopía non só é súa! ou está xeneralizándose ou é conxénita nos poderes públicos. Ten que ser algo semellante á gripe A, a máis terrible pandemia do século XXI pero que realmente nunca existiu. É pero non é ¡Non si!
E eu que son miope de toda a vida e que xa aos meus anos cómeme a presbicia, debe afectarme tamén este andazo, porque non hai moito, explicando a desastrosa e delicada situación do contorno mariño de Galicia, unha prezada concelleira de Cultura, espetoume que eu tiña unha visión catastrófica da ría de Ferrol. Será porque levo 35 anos estudando o «catastrófico» deterioro do contorno da ría ou é que a cultura das forzas vivas parece pouco cultivada nas rías do golfo Ártabro a máis nos Concellos del Desván de los Monjes e Toro.
Isto é o que hai e así nos vai.