Nos barrios, os rapaces noviños -os cativos- xuntabámonos en «bandas». Eu véxome con seis ou sete anos, saíndo da casa cunha espada de madeira na man para ir ao Campo de Batallóns, onde o secadoiro de peles do antigo Matadoiro, que era o lugar de reunión da «banda de Mesa». Ramoní Mesa, o xefe, era un rapaz de trece ou catorce anos, que vivía nun piso da rúa Carlos III, e que tiña por lugartenente a Pili, unha irmá algo máis nova ca el, totalmente desconforme coa súa condición feminina. Pili berraba, xuraba e pelexaba mellor que calquera varón, e ata mexaba de pé. Un día levárona a un internado e perdémola de vista. Cando volveu cabo duns anos, a «banda de Mesa» xa non existía e a ela non a recoñecería ninguén, de educada e feminina que volvera.
No Campo de Batallóns só había herba e árbores, sen máis construción que a da Unión Mariana; un edificio pequeno e baixiño, perto da costa de San Fernando, onde algúns rapaces ían polas tardes a xogar ao billar e ao ping-pong. Pero tamén había moitísimas mulleres que levaban a roupa a secar ou ao clareo; algún tarado con problemas sexuais que se agachaba detrás das árbores para mirarlles as pernas; e grupos de mozos desocupados que mataban o tempo xogando á billarda, ás lombas, ao tute ou ao bingo, que daquela chamabamos «lotería».
El pelao 40. La niña bonita. Los dos patitos? A voz cantareira do que sacaba as bolas calaba de súpeto cando o que tiña encomendada a vixianza, advertía: ¡Chepa! E en menos que canta un galo desaparecían os cartóns, as bolas, o bombo e as pedriñas para marcar os números saídos. O garda municipal pasaba a carón do grupo, pero non vía máis que uns mozos estarricados na herba, falando apaixonadamente do próximo Esteiro-Galiano, ou do boa que estaba Rita Hayworth en Gilda.
De mulleres non se podía falar en presenza dun cabo, corneta do Cuartel de Dolores, coñecido por Pixas, polo esaxeradamente dotado que nacera; que seica tiña problemas para emparellarse, mesmo coas prostitutas; que non querían ir con el se non poñía un suplemento.
De fútbol falábase sempre, pero nunca como cando o interlocutor era Gelito, un home tolo que só vivía para o Ánimas. Dicía que era o segundo adestrador do equipo e quen suxería as tácticas ao primeiro.
-¿Que táctica ides sacar contra o Portuarios, Gelito?
E Gelito moi serio:
-A do chourizo á sombra.
-¿Esa como é?
-Tres, tres, catro. O medio centro de enlace e os interiores de lanzas.
-¿Pero esa non era a do «bocadillo de membrillo»?
-Non. A do «bocadillo de membrillo» é cos interiores de apoio ao medio campo e o dianteiro centro en punta.
Na primavera, o Campo de Batallóns enchíase de margaridas, papoulas, paspallás e mexanacamas; de grilos, saltamontes, arrenréns e bolboretas brancas, amarelas, azúes e de cores combinadas: unhas pequenas, que chamabamos «raíñas», e outras grandes, fermosísimas, que chamabamos «reis».
E Ferrol enchíase de anduriñas, que aniñaban nas casas onde eran ben acollidas. Ás sete da tarde o tendido eléctrico da rúa Galiano semellaba parte da película Os paxaros, de Alfred Hitchcock, porque eran centos, quizais milleiros, as que alí se axuntaban e alegraban cos rechouchíos o esmorecer do día. E nas silveiras dos arredores da cidade escintilaban infinitas luces, diminutas dos incríbeis vagalumes, nas silveiras ateigadas de amoras, mentres bandadas de gorrións e estorniños pasaban a noite nos magnolios e nas palmeiras do Cantón de Molins, e nas árbores do parque municipal.
Arrepía pensar que en poucos anos daquela rica fauna só quedaban as ratas.