Merendas e larpeiradas dos nenos

POR SIRO?

FERROL

21 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A finais dos anos corenta e comezos dos cincuenta aínda había fame en moitos fogares ferroláns, e nas casas humildes que non había fame, moitas viandas só ían á mesa en datas sinaladas. O polo, por exemplo, era propio do Nadal e quizais do patrón; e a galiña, sobre todo, das recén paridas. A primeira comida despois do parto era unha cunca de sopa de galiña, con tanta graxa, que a culler se sostiña de pé. Por estraño que hoxe resulte, uns quilos de máis na nova nai non só demostraban que estivera ben atendida, senón que a facían máis guapa.

Nos máis dos fogares que vivían dun salario cativo, nin o chocolate, nin o café entraban no almorzo. Era o tempo de tres sucedáneos: achicoria, malte e cascarilla. A achicoria -que aínda hoxe se consume nas zonas de produción, en terras de Valladolid e Segovia- é a raíz tostada desta verdura. O malte era avea tostada, e a min, con leite, sabíame ben. Mellor tería que saber a cascarilla, por ser a casca do cacao; pero en Ferrol non debeu de ser valorada, porque para aldraxar aos coruñeses chamabámoslles cascarilleiros.

O arrecendo a café que, como unha promesa de voluptuosidade, saía de La Torrefacción, na rúa Magdalena, chegaba a Capitanía, por un lado, e á esquina de El Rápido, polo outro. Pero aquel café tiña pouco que ver co que de cando en cando se facía nas casas humildes, poñéndoo a ferver nun pucheiro; engadíndolle un algo de achicoria para poñelo máis negro, e un tizón aceso para que apousase. Quen quixera tomar café-café, tiña que ir ao Suízo, ao Comercio, ao Rubalcava, á Mezquita, a Bonilla, ao Tupinamba, á Ibense, ao Derby, ao California?, onde co café e co azucre servían un sifón, porque os máis dos clientes, despois do café, so ou con leite, tomaban un vasiño de selz.

En Ferrol estaban as fábricas de chocolates Helvetia, entre a rúa Magdalena e a praza do Callao; El Viso, na rúa de San José; El Hórreo, na rúa do Sol; e La Perfección, na da Magdalena, que non sei se só vendía ou tamén fabricaba. Pero aquelas tabletas rara vez ían á pota ou ao pucheiro, que se destinaban á merenda dos nenos.

Os nenos estabamos tan pouco afeitos ás larpeiradas, que o día que merendabamos un anaco de pan cunha onza de chocolate sentiámonos afortunados. As onzas había que rillalas a pouquiños, cos dentes de diante, para que durasen e porque, ademais, estaban duras como croios. Partidas ao medio víaselles un sospeitosísimo núcleo de cor gris branquecina, como de cemento. Pero o peor daquel chocolate era o tremendo estreñimento que producía. Cando desde a rúa escoitabamos os laios dun rapaz que saían dun piso, sabiamos que o noso amigo estaba no retrete. Eu non coñecín o verdadeiro chocolate ata que o meu amigo Pepe Rivas, no ano 1954, me mandou pechar os ollos e puxo na miña boca un dos medallóns de Nestlé, que mercara na confitería El Ideal Petit -que desde o ano 1936 xa non tiña o Petit, pero que seguiu sendo El Ideal Petit, como á rúa da Igrexa seguiu sendo a rúa da Igrexa-.

En El Ideal Petit mercaba eu de cando en cando algún caramelo, pero as máis das veces facíamos miña nai na tixola, con aceite e azucre. O azucre, moreno ou branco -refinado-, era a clave das larpeiradas caseiras. Eu gorentábame coas tortillas de pan con azucre, as rabanadas de pan con aceite e azucre ou coa tona do leite con azucre; e co arroz con leite, con azucre e canela.

Outras larpeiradas traíaas polo barrio un home coxilitrenco que vendía Bombas de Berlín, que eran de crema; e Faneca, un home alto e moreno, que non parecía galego, e que ás veces facía de barquilleiro e outras de xeladeiro. Galegos tampouco eran os pais do fotógrafo que na rúa Magdalena tiña o estudio chamado Foto Gomber. Moi serios, mesmo tristes. Poñíanse no centro da cidade con cadanseu carro con aceitonas, chufas, cocos e altramuces. Para todo o demais estaba a tenda de Cacharritos, na rúa de Carlos III; rexentada por dúas irmás, que a min me parecían moi vellas, onde mercaba chicle, caramelos de regaliz -habíaos finos e flexibles, para mascar; e outros grosos e duros, para chupar-, e algarroba moída -que viña en cucuruchos de papel- e en rama, como a que lles daban a comer ás mulas do exército.

Pode que aquel medallón de Nestlé que me deu o meu amigo Pepe Rivas, o primeiro grolo que tirei a unha lata de leite condensado La lechera e o primeiro xelado que merquei en La Ibense, sexan os tres recordos máis doces da miña vida.

sirolopezlorenzo@yahoo.es