Leva case un mes nunha sala alternativa de Madrid, pero sen parar cos proxectos da súa propia compañía
28 oct 2009 . Actualizado a las 14:33 h.Supera os 30 anos e leva preto de dúas décadas co veleno da interpretación metido no corpo. Marián Bañobre (Ferrol, 1978) está estes días en Madrid na sala Triángulo, pero de seguido viaxará a Bilbao, e do País Vasco, de novo a Galicia. A golpe de novas ideas, de proxectos propios e doutros compartidos, a actriz ferrolá foise facendo un oco no mundo da escena. E ademais da súa propia compañía, Maquinaria pesada, coa que representa o espectáculo de «clown» As vingadoras, xunto con Isabel Risco, esta semana finaliza en Madrid o seu traballo na obra Hámster.
-¿Cando decidiu que quería ser actriz?
-Non son cousas que decides. De repente miras atrás e te das conta de todo o que fixeches. Eu empecei de pequena, tiña doce ou trece anos, no obradoiro municipal de Andrés Pazos. E logo marchei a Coruña a estudar, fixen Socioloxía, e comezaba Manuel Lourenzo coa súa escola, e apunteime, e logo no grupo de teatro da Universidade... empezas case sen querer.
-E case sen querer, pode presumir de ter xa un premio María Casares...
-(Ri) Mellor non se presume de premios... só serven para que a familia te chame para felicitarte, ou para ter o recoñecemento dos compañeiros.
-¿E de qué presume entón?
-Pois de ter a sorte de decidirme por isto e de poder ir traballando. Aquí en Madrid é máis difícil, moitos actores traballan como camareiros, e eu teño a sorte de poder seguir nisto. O importante é estar en activo, facer cursos, formarte cando non estás traballando.
-¿Entón é máis doado ser actriz en Galicia?
-Si. Non é fácil entrar, pero si hai máis posibilidades.
-E ás veces, as posibilidades as crea vostede mesma, por exemplo coa súa compañía Maquinaria pesada...
- Claro. Isabel [Risco] e eu levábamos moitos anos querendo facer algo xuntas, así que nos lanzamos un pouco á aventura. Plantexámolo como un máster: ¿a que director queremos? E trouxemos un que para nós era moi importante. En febreiro estreamos As vingadoras, un espectáculo de «clown», co que aínda andamos.
-¿É sinxelo levar a túa propia compañía?
-¡Non é nada sinxelo! Somos moitos, hai moito pasteleo, e os programadores teñen moito onde escoller. O peor é que moitas veces nin ven o que escollen...
-Din os expertos que o teatro atravesa un bo momento a pesar da crise, ¿está de acordo?
- A nosa crise vai aparte da que está a vivir agora todo o mundo. O teatro sempre está en crise. A pesar de que ao mellor parece que non se aposta por estas cousas, eu creo que si se van facendo algunhas novas, aínda que tampouco é que sexa unha explosión. Pero se convive máis, hai xente veterana traballando con outra moi nova, que está case saíndo da escola.
-Despois de tantos anos, ¿que é o que máis lle gusta do teatro?
-Sempre é diferente, porque o público sempre é distinto. Este é un espectáculo no que sentes moito como respira o público, tamén pasa en As vingadoras. O público actúa contigo e ti con el. Cada día é diferente. Pero a min o que me gusta de verdade son os ensaios, o proceso de creación.
-Pero ademais de no teatro, tamén podemos vela estes días na pequena pantalla...
-Son cousas que aparecen, tiven a sorte de entrar nun produto tan chulo coma O Nordés. Aínda que eu non son moi de audiovisual, non te podes pechar ningún ámbito, todos te enriquecen.