Asegura que a consellería é «optimista» no cumprimento dos prazos da vía entre Ferrol e San Cibrao e di que os proxectos «están a punto de terminarse»
23 ene 2009 . Actualizado a las 12:12 h.Alberto González Fernández (Ferrol, 1968) pasou en menos de dous anos de ser o cabeza de lista dos socialistas de Valdoviño, acadando nos pasados comicios municipais o maior número de votos pese a non amarrar a alcaldía, a tomar as rendas da Delegación Provincial de Política Territorial. A menos de dous meses de que abandone o seu posto, confesa que lle gustaría ter deixado algún proxecto «máis avanzado», como o da estrada de Cedeira ao seu paso polo polígono naronés das Lagoas, e pon de relieve a inversión realizada pola Xunta non só nas grandes obras «senón tamén nas pequenas, que tamén son moi importantes».
-Botando a vista atrás, ás eleccións municipais do 2007, daquela, cando pensaba no futuro, ¿imaxinábase de alcalde de Valdoviño, no seu traballo de sempre (é arqueólogo) ou mesmo na Xunta, como ao final foi?
-Tralas eleccións en Valdoviño, deuse unha situación complexa para poder chegar á alcaldía. Terra Galega xa manifestou nas reunións previas que non quería ter ningún tipo de relación cos socialistas. A nosa intención era a de traballar, e así seguimos. Para nada se me pasaba pola imaxinación poder incorporarme ao equipo de traballo da consellería.
-¿Concorrerá nas listas electorais do PSOE?
-Non. Para min é un orgullo e de moitísima responsabilidade que os compañeiros de partido da comarca me propuxeran para incorporarme ás listas ao Parlamento de Galicia. É unha honra.
-¿E se prantexa seguir no posto no caso de que o PSOE gañe as eleccións?
-Iso dependerá, primeiro, dos resultados das eleccións, e despois do conselleiro correspondente. Non me corresponde a min decidilo, estou a disposición do partido.
-O 2011 foi a data de remate anunciada pola consellería para todo o corredor da costa norte, ¿se mantén esa data?
-Si.
-Pero se consignan partidas nos presupostos ata o 2012.
-Dende o punto de vista orzamentario, a execución de obras xeralmente non a pagas no mesmo ano na que ti a acabas, tes que ter unha reserva porque tes que ir pagando e amortizando, é normal. Como dixo a conselleira, María José Caride, e o presidente, Emilio Pérez Touriño, mantense o obxectivo do 2011, dende logo que si. De feito é unha realidade. Co PP sempre foron compromisos, sempre foron promesas, e nunha houbo unha realidade, agora hai unha realidade, estamos en obras no tramo máis complicado (a variante de Ortigueira).
-¿Por que se está a prolongar tanto no tempo a redacción dos proxectos?
-Están a punto de rematarse. Non hai unha dilatación senón unha modificación. A consellería se atopa cunha vía que non estaba en ningún momento pensada para ser desdobrada, cunha serie de carencias, e que era necesario corrixir. Nos puxemos a traballar para darlle unhas características a ese corredor de forma que cando a necesidade do tráfico o requira, poder convertelo en autovía.
-¿Por que non se constrúe xa dende o inicio como autovía?
-É unha poboación que non require esa infraestrutura, pero si se deixa aberta a porta para poder ampliala no futuro.
-¿Non é moi optimista a previsión de que neste ano se completarán as expropiacións, se licitará, adxudicará e iniciarán as obras no resto dos tramos?
-Pero é que nós somos optimistas e queremos selo, e queremos conseguilo.
-¿Que opina da postura do PP neste tema?
-O que herdamos do PP foi a falla de compromiso total co corredor da costa norte. Tiveron unha actitude calada cando se tomou a decisión de ir por outro lado.