«O Concerto do Soño», no Torrente Ballester

La Voz

FERROL

Explicábao a edil Mercedes Carbajales na súa comparecencia desta semana: «Creo que é un esbozo de programación verdadeiramente importante. Síntome orgullosa de que a cidade vaia contar con estes eventos, sobre todo, tendo en conta que dimos xa os pasos necesarios para que o vindeiro ano a oferta cultural de Ferrol siga sendo igual de interesante. Imos facer un esforzo enorme, trataremos de seguir obtendo axudas para que o teatro Jofre e o Torrente Ballester ocupen un lugar destacado tanto en Galicia como tamén no resto do país. Temos que poñer en valor todos os recursos cos que conta a nosa cidade».

No caso do centro cultural Torrente Ballester a oferta para o vindeiro mes de xaneiro arrancará o día 31, ás 20.30 horas, cunha proposta novidosa e arriscada. Trátase do Concerto do Soño no que os espectadores poderán asistir a un concerto realizado cun instrumento musical inventado por dous músicos: o aquófono O obxectivo do goberno local é combinar o espectáculo cunha proxección na capela do Torrente. Así, retirarán a metade das butacas e colocarán colchonetas para que, os que así o desexen, escoiten o concerto tumbados e mirando a proxección na cúpula. Nembargante, os asentos traseiros continuarán ubicados no lugar habitual para os que prefiran seguir a sesión con normalidade.

Esta proposta experimental xa xirou con éxito pola Expo de Zaragoza, polos Institutos Cervantes de varios países europeos e polas universidades galegas.