O gaiteiro presenta hoxe no Jofre o seu disco «Home», que lle valeu o recoñecemento de público e crítica
17 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Centro Cultural Caixanova de Vigo acolleu onte a presentación de Home, o novo traballo discográfico de Xosé Manuel Budiño, que hoxe actúa no teatro Jofre (20.30 horas). Foi elixido mellor disco galego do 2007, e nel se atopa o tema Ollos de sal , recentemente nomeado á candidatura de mellor canción en galego nos Premios da Música.
-Foi unha sorpresa. A letra desta canción foi escrita por Antón Reixa e cantada por Xoel López, de Deluxe. Eu non fago música para obter premios, pero está ben para que me coñeza a xente en toda a península. Na actualidade tocamos máis no resto do mundo que na península.
-¿Cal foi a idea que moveu a realización deste disco?
-Nos dous últimos anos estiven tocando en catro continentes, e daquela experiencia nace este disco, aínda que non pretendía coller ritmos do mundo para despois mesturalos. Por outra banda, o leit motiv do disco era xuntar a galegos que, dalgunha forma, se buscaran a vida polo mundo, xente como Reixa, Xoel, Paco Charlín, Mercedes Peón, Carlos Castro,...
-O disco quere dar un paso adiante, ¿interesoulle absorber outros mundos musicais?
-Iso me ben dende moi novo, todo me interesa porque son un músico moi aberto. Calquera proceso que xurda dun xeito natural interésame. O proceso deste disco o vexo coma unha pelí, na que nos dous últimos anos fun escribindo un guión dun xeito moi natural, e de repente atópaste coa posibilidade de facer un tema con Xoel, etcétera. Quería arriscar e coller a xente, como Paco Charlín que ven do jazz, ou Jorge Pardo. Xuntar a xente que aparentemente non ten nada que ver, pero que logo todo encaixa perfectamente.
-¿E por que «Home»?
-É unha alusión a ese home viaxeiro, que descobre culturas moi diferentes. Por outro lado, esas viaxes e as cidades que recorremos vanse convertendo na nosa propia casa, e dinme de conta de que en inglés «Home» significa fogar.
-O punto musical onde se atopa, ¿é froito dun camiño natural?
-Hai dez ou quince anos ninguén podería imaxinar que unha persoa podería vivir da gaita. Son as emocións as que te moven, porque non podes planificar unha carreira, entre outras cousas porque era todo tan novo que faltaba ese punto de profesionalización no eido dos músicos que facían música con arraigo na tradición galega. Cando comecei a viaxar foi cando vin como músicos de outros países vivían a música como algo fundamental nas súas vidas e vivían de elo. E eu tamén quería ser isto.
-¿A música que se fai a partir da tradición ten recorrido para seguir evolucionando?
-Eu son defensor do músico, as limitacións están nun instrumento, nunca na cabeza dun músico. A min tocoume unha gaita como podería ter sido outro instrumento, pero eu defendo as propostas individuais de cada músico, nunca dos palos musicais. Non entendo os palos musicais, creo que podes estar en todo a vez, aínda que sempre respectando a música máis pura e tradicional porque ademais a música de raíz cando vas a súa base, a disfrutas enormemente.