«O sector do turismo nas Pontes aínda está empezando a explotarse»

FERROL

19 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Fernanda Pita é unha das socias propietaria do Hotel Pontes do Eume, o primeiro centro de dúas estrelas que se puxo en marcha na vila pontesa, e que abriu as súas portas o pasado día 1 de xullo no número 10 da rúa Rita Rivera Chao. Esta construtora ten 41 anos e é natural de Vilalba, aínda que, cos anos que leva vivindo nas Pontes, xa se considera pontesa. O turismo é un sector que, ata agora, non destacaba nesta vila, pero Fernanda Pita está convencida de que esta situación vai camiño de mudar nos próximos anos.

-¿Que significa a apertura deste hotel para a vila?

-Trátase da nosa resposta a unha demanda real que existía nesta poboación. Había un mercado para elo, porque a xente que viña de paso, moitas veces tiña que ir pasar a noite fóra da vila, por exemplo, a Vilalba, así que facía falla cubrir este servizo; ata o de agora aquí só había pensións ou hostais. Nós ofrecemos cuartos amplos, dobres e individuais, suite, cafetería, lavandería e Internet por wifi e cable. O cadro de persoal está formado por dez persoas, todas elas das Pontes ou dos arredores.

-¿Que tipo de usuarios recibiron no hotel, por agora?

-Veñen, sobre todo, traballadores de diferentes empresas, que teñen que trasladarse ás Pontes temporalmente por motivos laborais. Estes son a maioría dos usuarios que temos, pero tamén hai persoas que acuden por acontecementos sociais, como vodas ou calquera outro tipo de celebracións.

-¿E como ve o sector do turismo nas Pontes? ¿Cre que ten saída?

-O sector do turismo nas Pontes aínda está empezando a explotarse, está por descubrir, pero creo que ten futuro. Estamos moi contentos pola acollida que ten o noso hotel entre os veciños e visitantes. E este éxito supoño que motivará a apertura doutros hoteis nesta zona.

-¿Cre que o peche da mina e o novo lago de Endesa fará das Pontes unha vila turística?

-A curto prazo, dende logo que non, iso non vai influír, a atracción do futuro lago vai levar tempo. Pero imaxino que co paso dos anos, a presenza desta oferta de ocio nas Pontes favorecerá que a xente nos visite moito máis, e por motivos exclusivamente turísticos.