-Adentrarse na transformación e comercialización prantéxase como a opción para mellorar a rendibilidade do sector, ¿estase a facer algo neses campos?
-No arrastre, hai un proxecto en Puerto de Celeiro para revalorizar a produción. Traballan en transformación e pratos elaborados. Agora mesmo están intentando abrir mercados, facendo catas en distintos países... Ademais, Apamal, a asociación da baixura da Mariña, quere crear unha sociedade para poder comercializar directamente a súa produción, principalmente polbo, porque poden garantir un subministro uniforme durante todo o ano. Son preto de trinta barcos, que se centran no polbo e poderían facer contratos pechados. Por primeira vez, tamén estamos intentando facer un plan conxunto do ourizo a flote e tamén se está pensando na posibilidade de comercializar só as gónadas, que teñen un valor duns 90 euros o quilo, cando o produto o están vendendo entre dous e tres.
-¿Quen está implicado no plan conxunto?
-En Ortegal xa teñen un plan conxunto, desde Cedeira ata O Barqueiro. O ano pasado tratei de facelo conxunto dende Cedeira ata Ribadeo, pero non houbo acordo entre as confrarías. Este ano prantéxanse os dous, no da Mariña van a entrar entre oito e dez embarcacións e están implicadas todas as confrarías.
-¿E na elaboración?
-Estase falando co Vicedo para habilitar un local cumprindo todas as normativas. Eles xa teñen contacto con algún cliente que lles vai a comprar o produto directamente, unha vez eviscerado, só as gónadas.