Ferrol e Mondoñedo, as capitais da diocese, renovarán hoxe os seus vellos lazos de afecto con motivo do Día Grande das San Lucas, as feiras máis antigas de Europa
18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Será hoxe, no Día Grande das San Lucas, na xornada maior dunhas feiras que xa se celebran, sen interrupción ningunha, desde hai oito séculos e medio, cando as dúas capitais da diocese, Ferrol e Mondoñedo, renoven os seus lazos de irmandade. Ás 12.30 horas, a corporación ferrolá, á que acompañará como de costume unha ampla representación do mundo da cultura, será obxecto dunha recepción oficial na casa consistorial mindoniense. Está prevista ademais a presencia de máis de 150 ferroláns da terceira idade.
A continuación, unha vez rematado o acto institucional, os representantes de ambos os dous concellos marcharán xuntos á feira, na que é tradición que hoxe se vexan, ademais dalgúns dos máis fermosos cabalos das razas que o mundo lle deu ás artes ecuestres, eses outros cabalos que baixan pola noite dos montes.
Hai un conto moi fermoso, un relato de Ramón Pernas, na que o escritor -que cada ano, sendo neno, acudía ás San Lucas con seu pai, que tan amigo era de Cunqueiro- lembra a fonda impresión que lle causou ver un poldro á beira da súa nai, e saber que ían separar o cabaliño daquela egua. Ese conto, que a un sempre o conmove cando o recorda, explica moi ben o que son As San Lucas: unha emoción, maiormente, ademais dunha feira. Mondoñedo lembra, tal día coma hoxe, a consagración da catedral construída por aquel bispo devoto dos libros iluminados ao que a historia deu en chamar Martín o Calígrafo. En memoria da consagración da catedral, si, otorgou a Coroa o privilexio de celebrar esta xornada, en tantos sentidos unha festa.