O humorista Xaquín Marín saca á luz os seus 200 pés

Sonia Dapena

FERROL

O ferrolán presenta hoxe en Santiago o seu novo libro, no que fai unha crítica ácida sobre a sociedade actual

26 sep 2007 . Actualizado a las 10:51 h.

O ferrolán Xaquín Marín, que é considerado un dos mellores humoristas galegos dos últimos tempos, presenta hoxe -na librería Couceiro de Santiago ás 20.30 horas- o seu novo libro Cen+cen pés , publicado por Embora .

Con esta nova publicación, Marín continúa reflexionando de xeito ácido sobre as cousas da vida. Mediante unha colección de douscentos pés cos seus correspondentes esmagados embaixo, o humorista quere facer unha crítica «á sociedade e ao poder», tanto no referido á extremidade como aos que se deixan pisar. Trala edición de Cen pés fai máis dunha década, este traballo inclúe, ademais dos debuxos dese exitoso volume, pés «que fun facendo, algúns que saíron publicados e outros inéditos».

A temática dos pés é unha auténtica constante ao longo da traxectoria profesional de Xaquín Marín. «Veño facendo pés desde hai tempo de cando en vez e volvín a xuntar outros 100 pés», sinala o humorista, que recoñece que a pesares de ir creando diversos debuxos nestes últimos anos, comezou unha produción máis seguida cando se lle prantexou sacar á luz este proxecto editorial.

«É unha especie de caricatura do que pasa na realidade. Sempre hai oprimidos e opresores. Por moito que mude a política é un tema eterno», comenta Marín da vertente á que se dirixe este traballo no que se fixa especialmente nos feitos da vida cotiá. No fondo «todos somos pés e oprimidos», confesa.

Distribución

O anterior volume de Cen pés está esgotado fai moito tempo. Agora, as esperanzas do autor para este proxecto son «que teña éxito e que a xente o aprecie» pois para el «o outro foi o mellor libro que fixen, moita xente está dacordo comigo, e este vai camiño do mesmo».

De feito, aínda que segundo o propio Marín «o debuxo non responde á miña liña habitual», resume todo o seu traballo neste oficio.

Ademais de publicar distintos libros -este é o vixésimo quinto en toda a súa carreira-, o humorista dedícase a dirixir, dende 1984, o Museo do Humor de Fene, un espazo no que atopar unha gran colección de miradas orixinais á realidade. Marín colabora, tamén, con numerosas publicacións xogando cunha ironía que o acompaña sempre.