Ferroláns e mindonienses peregrinan hoxe a Celanova

FERROL

Sacerdotes e laicos das dúas capitais da Diocese visitan xuntos a tumba de San Rosendo, acompañados por representantes de parroquias da Mariña e a Terra Chá

13 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? Ano Santo Rosendiano, que na concatedral de San Xiao se abriu coa presenza do nuncio do Papa en España, monseñor Monteiro, leva hoxe a laicos e sacerdotes das dúas capitais da diocese, Ferrol e Mondoñedo, a peregrinar xuntos a Celanova. Alí visitarán a tumba de San Rosendo acompañados por representantes das parroquias da Terra Chá e da Mariña. E farano como culminación dunha romaxe que simboliza de maneira especialmente emotiva os lazos de unión entre as terras da Galicia do Norte -do que hoxe é a diocese ferrolá-mindoniense, da que ten por patrono ao monxe e mitrado que foi un dos grandes pacificadores de Idade Media- e a Celanova na que os restos do santo descansan nun dos mosteiros que el fundou. É esa unha irmandade da que xa Cunqueiro falaba con emoción. É ben seguro que o autor de Merlín e familia sería hoxe moi feliz -probablemente o sexa, alá onde se encontra agora- vendo que son 783 as persoas que desde as terras ferrolás e mindionienses peregrinan hoxe xuntas con Manuel Sánchez Monge. Cun bispo moi lector de Rosalía, que aínda sendo palentino de nacemento, destaca, como ben poucos mitrados das últimas décadas -e na liña do cardeal Quiroga Palacios e de monseñor Araúxo Iglesias- pola súa defensa da cultura e da lingua de Galicia.