Menos nenos, mellor atención

Estela Sande FERROL

FERROL

OVIDIO NAVEIRA

Crónica | Cara e cruz da falta de alumnado en Neda Os responsables do centro infantil Maciñeira tratan de aumentar as matrículas ofertando servizos máis próximos. Ao seu favor xoga a súa ubicación, xunto ao río Belelle

19 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? Colexio de Educación Infantil e Primaria Maciñeira, no Concello de Neda, celebra este ano o seu vinte e cinco aniversario. Pero hoxe as súas aulas van á baixa. Atrás quedan os tempos nos que arredor de 350 rapaces barullaban polos seus corredores. Na actualidade, tan só 85 nenos de entre tres e doce anos dan vida ao colexio. María Rosa Piñeiro Grandal, directora do colexio dende hai 22 anos, apunta como posibles causas da baixa taxa de matrículas o descenso da natalidade no concello, e a migración da poboación cara os municipios urbanos limítrofes. Pero, como non hai mal que por ben non veña, a redución do número de rapaces matriculados permite tamén que a atención sexa máis coidada e personalizada. Dende o momento en que os rapaces entran no Maciñeira pasan a formar parte dunha pequena familia onde todo o mundo os coñece polo seu nome, dende os mestres ata o conserxe, que sempre están pendentes deles. Son os sobreviventes que fan posible que o centro vaia logrando ano a ano manterse como unha referencia para nais em pais do municipio. Os beneficios desta baixa poboación están claros: os alumnos reciben formación de música e inglés dende os tres anos e en informática dispoñen dun ordenador para cada dous pequenos. Contan tamén cun especialista en audición e linguaxe e outro de atención á diversidade. Todo un luxo de servizos engadidos. Entorno natural A isto súmase o incomparable entorno natural no que está situado o inmoble, a carón das fragas do río Belelle. A localización fai do Maciñeira unha alternativa diferente que conta con amplos espazos abertos onde xogan os cativos e respiran aire puro. Con motivo da celebración do aniversario do seu primeiro cuarto de século, levaranse a cabo diferentes actividades no centro. Estase a preparar unha revista sobre a traxectoria do colexio nos últimos 25 anos. Tamén un espazo destacado da publicación estará dedicado a fotografías históricas, que servirá de recordo para alumnos e profesores. O día grande das celebracións enmarcarase dentro do festival do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, onde os rapaces realizarán diversas representacións teatrais para festexar o acontecemento. Dos anos de andadura da escola, a directora destaca «a grande profesionalidade e humanidade dos profesores» que por alí pasaron, e di sentirse «moi orgullosa» do labor que se ven realizando para manter o tipo, canto menos, por outro cuarto de século máis.