A comarca disfrázase en desfiles, bailes de máscaras e concursos de doces

La Voz LA VOZ | FERROL

FERROL

13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?índa non se nota moito, pero a comarca está inmersa xa no tempo do Antroido. Pero, a partires da próxima fin de semana, as máscaras invadirán as distintas localidades en desfiles e concursos organizados polos concellos e asociacións de veciños. As actividades que se aveciñan resúmense de seguido. Narón. O sábado, desfile de comparsas dende as 18 horas, concurso na praza de Galicia ás 19 horas e verbena dende as 21.30 horas. Neda. Mañá e o venres, ás 19 horas na casa de cultura, obradoiro de elaboración de caretas e complementos de disfraces para nenos. O mesmo día, ás 20.30 horas na pista do Roxal, festival con cinco comparsas; de seguido, baile de máscaras con premios. O sábado, dende as 23 horas, baile de Antroido na casa de cultura con premios e degustación de orellas. Mugardos. O venres, dende as 10.30 horas, pasarrúas organizado polos colexios e instituto. Rematará no pabellón cunha festa de disfraces. O sábado, no local social de San Xoán de Piñeiro, bailes de Antroido ás 17 e 23.30 horas. Ortigueira. O sábado, a compañía Fulano, Mengano e Citano porá en escena o espectáculo Arte. Será no Teatro da Beneficencia ás 20.30 horas. O domingo, festa de disfraces na Alameda dende as 17 horas, e concurso de doce de Antroido ás 20 horas. Moeche. O Concello programou unha festa infantil de Antroido para o sábado a partires das 16.30 horas na nave de Basilio; e ás 22 horas, baile para adultos. A asociación de veciños da parroquia de Labacengos propón para o domingo 18, dende as 14 horas, un xantar con baile de disfraces na nave do Ventoreiro. Os adultos que non sexan socios deberán pagar doce euros; os socios, dez. Monfero. O domingo, a partires das 12 horas, oficiarase unha misa na igrexa de Val Xestoso á que os fregueses poderán acudir disfrazados.