A loita contra a reconversión

La Voz

FERROL

12 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Tres folgas xerais en 1985, milleiros de quilómetros percorridos en innumerábeis manifestacións por toda Galiza, e nalgúns casos fora dela. Son só algúns exemplos da loita contra a reconversión naval que axiña recollerán os libros de historia como un dos conflitos sociais e laborais de maior relevancia do século XX na nosa terra. Ao goberno do PSOE daquela non lle tremeu o pulso para liquidar na práctica un estaleiro, aínda que iso supuxera sumir á comarca dunha crise da que aínda non se recuperou. Os traballadores de Astano e Ferrolterra enteira na batalla da reconversión, téñense gañado o seu dereito a que non lles rouben a ilusión, a que non lles secuestren o futuro para os seus fillos e netos. Por iso, a proposta da Consellería de Innovación e Industria para reactivar o estaleiro de Perlío, está cargada de razoamentos e de forza moral e os directivos e tecnócratas da SEPI non van ser quen de parala. ¡Que non utilicen a pantasma da privatización para intentar frear a creación de postos de traballo! ¿Ou non era a privatización aquela fábrica de vidro que se ía instalar na pradeira de Astano e que máis tarde se converteu nun novo bluff entre moitos outros? Haberá que esixir por suposto o mantemento das garantías laborais e sociais para os actuais traballadores de Navantia Fene. Pero iso pódese lograr de xeito doado a través da súa integración en Navantia Ferrol e cun novo expediente de prexubilación. Teremos que demandar un novo plan de viabilidade de Barreras, un proxecto económico e empresarial sólido e estable cunhas mínimas garantías de futuro. Pero a actual situación dun estaleiro de 800.000 metros cadrados unicamente con 360 traballadores é un insulto á intelixencia, unha burla para que os xoves que todas as semanas se ven obrigados a emigrar de Ferrolterra na busca de emprego. Nas rúas da comarca non se respira o dinamismo que si se vive noutras cidades galegas, porque aquí non hai industria nin outro sector económico que poida actuar como locomotora. Agora, o Goberno central do PSOE non pode mirar para outro lado, lavarse as mans como Poncio Pilatos, e deixar que os burócratas da SEPI se escuden nun hipotético acordo segredo coa Unión Europea para frear a creación dunha empresa crucial para Ferrolterra. A argumentación cobra máis forza cando en todo o vello continente se están a recuperar e reactivar estaleiros, co obxectivo de facerlle fronte á competencia de Xapón, China e Corea, e lograr converter a Europa no primeiro produtor de construción naval no 2015.